Nova: A Xunta fomenta a inmersión cultural entre a mocidade galega e portuguesa a través da música
26/09/2024
A Xunta fomenta a inmersión cultural entre a mocidade galega e portuguesa a través da música
A directora xeral de Xuventude visita aos mozos que participan na xornada ‘Sons ao Lado’, no marco do proxecto Eurocidade 2030
O encontro, que conta coa colaboración do Goberno galego, busca afondar na industria musical a través de actuacións, mesas de debate e espazos de traballo
Verín (Ourense), 26 de setembro de 2024
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe aos preto de vinte mozos que participan no encontro Sons ao Lado, onde destacou a posta en marcha desta proposta que fomenta a inmersión cultural entre a mocidade de Galicia e Portugal a través de actividades relacionadas coa música.
Na cita, que se enmarca no proxecto Eurocidade 2030, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou o apoio do Goberno galego a proxectos que promoven a cooperación e o entendemento entre mozos e mozas de diferentes rexións. Neste senso, sinalou a colaboración entre as distintas institucións que toman parte para a mellora dos servizos transfronteirizos.
No marco desta iniciativa, a directora xeral de Xuventude incidiu “na potenciación da creatividade musical e o intercambio de experiencias, que impulsan a integración cultural”. Deste xeito, Lara Meneses manifestou o interese na difusión das accións que se levan a cabo desde o local de ensaio, onde se están a realizar as diferentes actividades, e na posta en valor do talento creativo dos participantes.
Sons ao Lado é unha inmersión musical na que os participantes gozarán dunha xornada de traballo e ocio que contará con dúas clases. Unha delas, sobre deseño de portadas e, outra, sobre márketing e estratexias en plataformas e redes sociais. Ademais, haberá unha mesa redonda e un concerto en acústico ao que se lle suma, como peche da cita, unha music jam programada para a tarde.