Nova: López Campos enxalza o modelo lingüístico “cordial, integrador e sen conflitos” existente en Galicia

26/09/2024

López Campos enxalza o modelo lingüístico “cordial, integrador e sen conflitos” existente en Galicia

O responsable de Lingua da Xunta atribúe esta situación ás políticas desenvolvidas nos últimos anos nesta materia polo Goberno galego

Apunta o fomento da aprendizaxe entre as persoas non nacidas en Galicia e as tecnoloxías como dous focos nos que incidirá o seu departamento para impulsar o galego de cara ao ano 2025

“As linguas son pontes entre culturas e cidadáns, nunca muros e parapetos”, defende sobre o espírito que guía as accións neste eido na Comunidade

Alacant (Valencia), 26 de setembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou hoxe o modelo lingüístico existente en Galicia, que definiu como “cordial e integrador” e do que puxo en valor que “non xera conflitos” entre a sociedade galega. Así o defendeu tras a súa participación esta mañá no Consello das Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado, celebrado na cidade valenciana de Alacant.

O conselleiro asistiu ao Consello acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García. Trátase da primeira vez que os máximos representantes da Lingua das Comunidades autónomas poden participar con pleno dereito e coincidiu xustamente co Día europeo das Linguas. Ao respecto, López Campos considerou importante a celebración por parte dos Estados membros da Unión Europea desta efeméride porque, segundo apuntou, pon de manifesto “a relevancia que Europa lle concede a contar cunha riqueza, diversidade e pluralidade en materia lingüística”. Ademais, destacou que evidencia “o desexo e esforzo non só en conservala, senón tamén en celebrala”. Neste senso, asegurou que se trata dunha “obxectivo compartido” e subliñou os valores que reflicten esta defensa do plurinlingüismo.

“As linguas son pontes entre culturas e cidadáns, nunca muros e parapetos”, aseverou, ao tempo que asegurou que este é o “espírito” que ten guiado nos últimos anos as políticas lingüísticas do Goberno galego, “e que seguiremos forxando nas accións presentes e futuras”, referendou.

Plan de dinamización en toda a sociedade

Precisamente, destacou as medidas que a Xunta porá en marcha de cara ao ano 2025 para impulsar o uso do galego en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade. En concreto, fixo especial fincapé naquelas que van procurar tirar o máximo proveito do fenómeno do neofalantismo. Ao respecto, apuntou a creación espazos de lecer que funcionen como un repositorio de contidos musicais e audiovisuais en galego ou a continuidade do proxecto neofalantes.gal, en marcha xa coa Universidade de Santiago de Compostela. “O obxectivo é demostrarlle á mocidade a grande utilidade que ten o galego en todos os eidos da súa vida, desde o privado ao ámbito social e desde a súa formación á esfera laboral”, explicou.

Nesta folla de ruta da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para fomentar a aprendizaxe da lingua galega entre aquel sector da poboación nacido fóra de Galicia, avanzou a creación de materiais didácticos e a posta en marcha de cursos formativos en colaboración con diferentes organismos ou departamentos do Goberno galego, como a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Coa fin de que o galego estea presente entre as tecnoloxías e espazos dixitais nos que se move a mocidade, explicou que ademais de continuar traballando no Proxecto Nós para impulsar o galego no ámbito da Intelixencia Artificial, tamén se crearán novos produtos tecnolóxicos pensados para o público infantil e xuvenil. Para isto, avanzou a colaboración con creadores de contido “co obxecto de favorecer a creación de vínculos entre a lingua galega e a xente nova”.

Finalmente, o conselleiro lembrou que ás novas propostas nas que traballa a Xunta de Galicia súmanse ás que están xa en marcha por parte da Secretaría Xeral da Lingua como as colaboracións para galeguizar os comercios, os programas da Rede de Dinamización Lingüística, as actividades no ensino, a celebración das probas Celga ou o aproveitamento dos vencellos coa lusofonía a través de accións como o FalaRedes, Nadal en Rede, o programa 21 Días co galego e+ ou a posta en marcha de concursos e premios no eido da lingua galega.

Comparte