Nova: Anxo M. Lorenzo pon en valor o compromiso da Xunta coa protección dos hórreos

27/09/2024

Anxo M. Lorenzo pon en valor o compromiso da Xunta coa protección dos hórreos

O director xeral de Cultura participa na presentación da IV edición do encontro internacional no que se falará sobre estes bens patrimoniais 

No marco da preservación e o coidado, resalta a aposta do Goberno galego por levar a cabo iniciativas como a campaña ‘Que siga contando a nosa historia´ 

A cita, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, recibirá expertos nacionais e internacionais chegados desde Portugal, Turquía, México, Brasil, Francia ou Suíza

A Estrada (Pontevedra), 27 de setembro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no acto de apertura do IV Encontro internacional sobre hórreos que se celebra durante esta fin de semana na Estrada. No marco desta xuntanza puxo en valor o compromiso da Xunta de Galicia coa protección deste tipo de construcións como elementos representativos do patrimonio cultural galego.

Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que a Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña Que siga contando a nosa historia coa que se promove a busca fomentar a sensibilización cidadá sobre a importancia do coidado dos bens patrimoniais. “Os galegos temos a responsabilidade compartida de preservar os tesouros que conforman a nosa identidade e é unha honra facelo a través de iniciativas coma esta que afonda e investiga na historia destas construcións tan singulares”, sinalou Anxo M. Lorenzo.

No marco do encontro, destacou a aposta do Goberno galego no apoio a este tipo de iniciativas que revalorizan a nosa cultura. Deste xeito, destacou o carácter internacional desta cita que acollerá expertos chegados desde Portugal, Turquía, México, Brasil, Francia ou Suíza, na procura do acercamento e o enriquecemento dos diferentes pobos.

Anxo M. Lorenzo salientou o traballo da rede Horrea, organizadora da xuntanza, que agrupa diversas institucións e persoas de todo o mundo. “É un pracer para Galicia ser o lugar de acollida dunha cita desta magnitude”, destacou o director xeral de Cultura, quen ademais fixo fincapé “no importante labor de revalorización a prol da protección dun dos elementos que máis representa esta terra”.

No marco deste encontro, levaranse a cabo durante toda a fin de semana unha serie de charlas nas que se afondará sobre diversas cuestións relacionadas con estes bens patrimoniais tanto de Galicia, como doutras Comunidades Autónomas e enclaves de fóra da península. Ademais, a xuntanza contará con dúas actuacións musicais e unha visita guiada ao hórreo de Araño, declarado como o máis longo do mundo.

Comparte