Nova: Valentín García salienta a divulgación do patrimonio e a cultura feita no certame de investigación Condado de Pallares
27/09/2024
Valentín García salienta a divulgación do patrimonio e a cultura feita no certame de investigación Condado de Pallares
O secretario xeral da Lingua participa na presentación da obra ‘A arquitectura bieita do Condado de Pallares: os mosteiros femininos desaparecidos’, gañadora da XVI edición do premio
Este galardón promove os traballos arredor da lingüística, historia, arte, arqueoloxía, antropoloxía e etnografía
Taboada (Lugo), 27 de setembro de 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación da obra gañadora da XVI edición do Certame de Investigación Condado de Pallares, A arquitectura bieita do Condado de Pallares: os mosteiros femininos desaparecidos, de Alberta Lorenzo, onde salientou a divulgación do patrimonio e da cultura que se fai a través deste premio.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou a colaboración do Goberno galego en iniciativas como esta que promoven traballos arredor da lingüística, a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía ou a etnografía. Neste senso, destacou a calidade das obras presentadas a este galardón, como un dos máis recoñecidos no ámbito da investigación pola súa utilidade “para coñecer o pasado, que nos configura como pobo”.
No marco desta presentación, o secretario xeral da Lingua agradeceu á Asociación Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, por organizar un certame “que procura preservar e afondar no coñecemento dos valores máis senlleiros da lingua galega e da nosa cultura”. Finalmente, felicitou á gañadora da XVI edición por esta obra que fai unha importante achega ao patrimonio, sobre os cenobios femininos desaparecidos dos cinco concellos do antigo Condado de Pallares: Carballedo, Chantada, Guntín, Portomarín e Taboada.