Nova: A Xunta celebrará na Ribeira Sacra un congreso internacional para impulsar a súa candidatura a Patrimonio Mundial

28/09/2024

A Xunta celebrará na Ribeira Sacra un congreso internacional para impulsar a súa candidatura a Patrimonio Mundial

O parador de Santo Estevo, no concello ourensán de Nogueira de Ramuín, acollerá este encontro os días  27, 28 e 29 do vindeiro mes de outubro

Sober (Lugo), 28 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia celebrará a finais do vindeiro mes de outubro un congreso internacional no concello ourensán de Nogueira de Ramuín, co obxecto de impulsar a candidatura de Paisaxe da auga: Ribeira Sacra para que acade en 2026 o recoñecemento pola Unesco como Patrimonio Mundial.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organizará este foro os días 27, 28 e 29 de outubro no parador de Santo Estevo, no que se contará con especialistas culturais e expertos e investigadores en bens patrimoniais. De igual xeito, tamén participarán representantes de institucións culturais, académicas e das administracións, tanto do eido local como de outras comunidades autónomas.

O obxecto é afondar, establecer sinerxías e debater sobre a xestión e retos dos espazos e enclaves distinguidos como Patrimonio Mundial coa fin última de promover estratexias de colaboración entre diferentes actores relacionados coa candidatura da Ribeira Sacra. Deste xeito, procúrase continuar a darlle pulo de cara á súa valoración para a consecución de Patrimonio Mundial no Consello do Patrimonio Histórico da Unesco, que se celebrará no ano 2026.

Precisamente, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, Xosé López Campos aproveitou a reunión da semana pasada en París co embaixador de España ante a Unesco, Miguel Iceta, para entregarlle o primeiro avance do expediente da candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra para convidalo persoalmente a participar neste simposio internacional. Ao respecto, Iceta amosou a súa intención de asistir.

Comparte