Nova: A Xunta contribúe á consolidación do Ourense Film Festival como certame de referencia do audiovisual galego

30/09/2024

A Xunta contribúe á consolidación do Ourense Film Festival como certame de referencia do audiovisual galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dota con 60.000 euros o convenio para a organización do certame internacional de cine de carácter competitivo máis lonxevo da nosa Comunidade

 

O Consello da Xunta deu luz verde ao convenio de colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa Fundación Carlos Velo, a través do que mantén a súa colaboración anual de 60.000 euros para a organización do Ourense Film Festival (OUFF) como cita de referencia do audiovisual galego. Trátase, de feito, do certame internacional de cine de carácter competitivo máis lonxevo da nosa Comunidade, que este ano revalida, ademais, a súa aposta pola creación e a industria audiovisual galega.

A 29ª edición do festival arrancou o pasado venres coa estrea do documental Adolfo Domínguez: El eco de otras voces e programa ata o vindeiro día 6 de outubro 60 proxeccións en diferentes pantallas da cidade. Entre elas, unha decena corresponde á sección Panorama Galicia, posta en marcha o ano pasado co fin de ofrecer un apartado competitivo específico para a produción cinematográfica galega.

Outros dos espazos específicos para o audiovisual da nosa Comunidade no marco deste evento son OUFF Lab, dedicado á presentación de sete novos proxectos, e Fas Curtas e Fas Muvis, para apoiar os novos talentos, ademais de diferentes encontros profesionais e a entrega de premios honoríficos ao director Rodrigo Cortés, á produtora Andrea Vázquez, ao guionista Carlos Montero ou á actriz Aurora Maestre.

A contribución da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao desenvolvemento do 29º Ourense Film Festival insírese no seu programa de apoio a festivais estratéxicos do sector audiovisual, do que tamén forma parte a convocatoria anual de subvencións da que en 2024 resultaron beneficiarias 10 mostras cun total de 300.000 euros, un 33% máis que en 2023.

Esta é, así mesmo, unha das nove liñas de axudas ao sector publicadas en 2024 a través da Axencia Galega das Industrias Culturais cun investimento conxunto de preto de 6,7M€ nas distintas fases do proceso audiovisual: desde a súa xestación creativa ata a chegada ás pantallas, pasando pola rodaxe, difusión e comercialización.

Comparte