Nova: López Campos reivindica a Frei Martín Sarmiento como referente para un “novo Rexurdimento” que potencie o prestixio do uso do galego en todos os ámbitos

01/10/2024

López Campos reivindica a Frei Martín Sarmiento como referente para un “novo Rexurdimento” que potencie o prestixio do uso do galego en todos os ámbitos

O responsable de Lingua da Xunta apela aos “fitos” desta figura histórica de cara ao emprego do galego “sen prexuízos” en todos os eidos e por todas as xeracións 

Salienta o plan para dinamizar o galego en 2025 entre o neofalantismo, as persoas non nacidas en Galicia e nas tecnoloxías ás que acceden os máis novos

 

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reivindicou hoxe a Frei Martín Sarmiento como referente para a consecución dun “novo Rexurdimento” no prestixio do uso do galego que potencie o seu emprego en todos os eidos e por todas as xeracións. Así o defendeu na presentación do número 20 de Monografías de Cuardernos de Estudios Galegos, dedicado a unha investigación profusa sobre a ascendencia materna deste ilustre persoeiro, realizada por Elías Palacio Bermúdez de Castro.

Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, o titular de Cultura do Goberno galego aproveitou a súa intervención na sede do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento para pór en valor a “relevante aportación” deste relixioso e erudito de cara a “recuperar, facer valer e reivindicar o prestixio de seu do noso idioma”.

“E esta é tamén a cerna das novas medidas de cara ao 2025 para impulsar o uso de galego”, aseverou o titular de Cultura, Lingua e Xuventude, quen remarcou os “tres focos” nos que incidirá o seu departamento neste plan de dinamización. En concreto, apuntou a darlle máis pulo á aprendizaxe entre as persoas non nacidas en Galicia, a potenciar novas medidas dirixidas ao neofalantismo e ao fomento do emprego do galego nas tecnoloxías “para achegar o  seu uso en todos os ámbitos entre o público máis novo”.

Neste senso, enxalzou os “fitos”, en canto ao emprego do galego “sen prexuízos” por parte de Frei Martín Sarmiento, quen foi homenaxeado en 2002 co Día das Letras Galegas. Así, lembrou que esta figura histórica abandeirou hai dous séculos iniciativas “tan adiantadas ao seu tempo”, como a defensa da ensinanza nos primeiros anos de escola na lingua materna, á vez que gabou o feito de que “non escatimou esforzos en dignificar e normalizar o galego”.

“A pesar de vivir moito tempo fóra de Galicia, nunca decaeu a súa preocupación pola nosa lingua, cultura e, en definitiva, por todo o que implicase avance e progreso para a nosa terra e os nosos”, valorou. Por estes motivos, amosouse partidario de estudos e publicacións, como a presentada hoxe no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento que, neste caso particular, “afonda nesta figura desde unha perspectiva singular, pero que serven para homenaxear, manter vixente e no lugar que merece un personaxe ao que tanto lle debe a lingua galega, en particular, e a cultura da nosa comunidade, en xeral”.

Primeira monografía sobre a linaxe materna

El linaje materno del Padre Sarmiento. Los monseio de Balboa y Sarmiento de la casa de Perros é o título do estudo de Elías Palacio Bermúdez de Castro, que contribúe deste xeito á primeira monografía específica que se publica sobre a súa liñaxe materna, xa que a monografía sobre as orixes paternas publicouse en 1972 en Cuadernos de Estudios Gallegos por Antonio Rodríguez Fraiz.

Comparte