Nova: O festival ‘6coreógrafas’ programa na estrada unha xornada para participar da danza co apoio da Xunta
01/10/2024
O festival ‘6coreógrafas’ programa na estrada unha xornada para participar da danza co apoio da Xunta
A iniciativa desenvolverase este sábado 5 de outubro cos espectáculos ‘Intempestiva’ de Elahood, ‘Mesura’ de Raquel Ferradás, ‘Minguantes’ de La Guajira, e a preestrea de ‘Dance Join’ de Marta Alonso
O público terá a oportunidade de introducirse na cultura do ‘waacking’ a través dun obradoiro e de reflexionar sobre os espazos para bailar con ‘Discoteca de señoras’
A Estrada (Pontevedra), 1 de outubro de 2024
A Estrada acolle este sábado, día 5, a cuarta edición do festival de danza e artes do movemento 6coreógrafas, que volve contar coa colaboración da Xunta de Galicia para desenvolver un cartel que inclúe catro espectáculos galegos e dous obradoiros. O encontro foi presentado esta mañá no Teatro Principal da vila, polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, nunha cita na que Ana Beatriz Pérez, da compañía galego-cubana La Guajira, realizou un solo de danza para un grupo de escolares, como actividade previa dun programa que ten como obxectivo achegar esta disciplina á cidadanía e facela partícipe tanto das últimas propostas das compañías como do propio acto de bailar.
Así o remarcou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que estivo na presentación xunto a directora artística do festival, Paula Quintas, e a concelleira de Cultura da Estrada, Lucía Seoane. Sutil celebrou a continuidade desta programación que o Goberno galego volve apoiar en liña cos obxectivos marcados no Plan Integral para a Danza de Galicia e que se suma a outras iniciativas de apoio a esta disciplina, como a liña de axudas para a creación de danza, as coproducións co Centro Coreográfico Galego ou a contribución ao desenvolvemento de proxectos como o festival Abanea, as residencias Paraíso e Atopémonos bailando ou TRC Danza.
‘Discoteca de señoras’ e técnica ‘waacking’
O programa desta edición abrirase con dous obradoiros, un deles creado precisamente en colaboración co TRC Danza, iniciativa do Teatro Rosalía Castro da Coruña como actividade de mediación baixo o suxestivo título Discoteca de señoras. A bailarina e coreógrafa Marta Alonso será a anfitrioa dunha pista de baile que convida á reflexión sobre os espazos para seguir bailando a medida que pasan os anos a través do encontro, o xogo, a pose e a experimentación, con elementos como un gran ventilador de aire que move as roupas das participantes. Será de 13,00 a 14,00 h. na sesión vermú da praza do Mercado de Abastos.
Antes, a compañía Elahood dirixirá dous obradoiros de Waacking_Danza Club na alameda municipal, o primeiro de 10,00 h. a 11,00 h. para a cativada de 7 a 12 anos, e un segundo de 11,00 h. a 12,00 h. para mocidade de 12 a 18 anos. O waacking é un estilo de baile que se orixinou a principios da década de 1970 na costa oeste dos Estados Unidos dentro da comunidade gai afroamericana e latina, nas discotecas onde empezaba a soar o música disco. Dada a situación marxinal que sufría este grupo neste momento histórico, se utilizou a danza como método de liberación e expresión da individualidade.
Un escaparate de danza galega
O programa de espectáculos desenvolverase no mesmo recinto da alameda e abrirase coa proposta Intempestiva, unha peza de Elahood inspirada na obra e na figura da escritora Xela Arias como retrato en movemento da axitación creativa das novas xeracións para cuestionar que significa facer “algo de proveito”. A creación recibiu o Primeiro Premio e Premio da Crítica no Certamen Coreográfico de Madrid (2021), e o premio a Mellor Espectáculo na Plataforma Diálogos Contemporáneos do Festival DZM de Cáceres.
A segunda proposta da xornada será Mesura, na que Raquel Ferradás aborda a pescuda do equilibrio nunha vida en constante cambio, baixo a produción de Amarelo e Manu Lago e en coprodución coa Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico Galego.
A continuación, Minguantes, de La Guajira, amosará o universo temporal de dúas persoas que van envellecendo desde unha perspectiva minimalista e futurista.
Pechará o festival a preestrea do novo espectáculo de Marta Alonso, Dance Join, aínda en proceso de creación, convidando ao público a unirse ao baile cunha proposta interactiva de danza mesturada co traballo de clown.