Nova: López Campos sinala o potencial galego da danza actual na súa visita ao festival ‘6coreógrafas’
05/10/2024
López Campos sinala o potencial galego da danza actual na súa visita ao festival ‘6coreógrafas’
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asiste na Estrada á actividade lúdica ‘Discoteca de señoras’, unha das novidades da cuarta edición do evento, coa que se quere reflexionar sobre os espazos para bailar como celebración conxunta
A Estrada (Pontevedra), 5 de outubro de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, sinalou hoxe o potencial e o talento dos profesionais galegos dedicados á danza, así como a súa capacidade para traspasar a creación artística para implicarse na xestión directa de mostras e eventos para a difusión desta disciplina. Así o sinalou este mediodía na súa visita ao festival 6coreógrafas, que se celebra durante toda a xornada na Estrada organizado polo Concello co apoio da Xunta e coa bailarina e coreógrafa Paula Quintas na dirección do encontro.
O titular de Cultura asistiu en concreto á actividade Discoteca de señoras, unha proposta de mediación que se ofrece por vez primeira no marco do festival e coa que se defende precisamente un achegamento á danza dun xeito lúdico e a modo de celebración colectiva. A bailarina e coreógrafa Marta Alonso exerce de anfitrioa dunha pista de baile que convida á reflexión sobre os espazos para seguir bailando a medida que pasan os anos a través do encontro, o xogo, a diversión e a experimentación.
O festival 6coreógrafas ten como finalidade achegar esta disciplina á cidadanía e facela partícipe tanto das últimas propostas das compañías como do propio acto de bailar. Así, o programa desta edición inclúe tamén o obradoiro Waacking_Danza Club, sobre o estilo de baile que se orixinou a principios da década de 1970 na costa oeste dos Estados Unidos dentro da comunidade gai afroamericana e latina, en tanto que a carteleira de espectáculos a conforman as pezas Intempestiva, da compañía Elahood e inspirada na obra e na figura da escritora Xela Arias; Mesura, na que Raquel Ferradás aborda a pescuda do equilibrio nunha vida en constante cambio; e Minguantes, de La Guajira, na que se amosa o universo temporal de dúas persoas que van envellecendo desde unha perspectiva minimalista e futurista. Pechará o festival a preestrea do novo espectáculo de Marta Alonso, Dance Join, aínda en proceso de creación, convidando ao público a unirse ao baile cunha proposta interactiva de danza mesturada co traballo de clown.
A colaboración da Xunta con este tipo de iniciativas inscríbese nos obxectivos do cumprimento do Plan Integral para a Danza de Galicia e suma valor para promover as artes do movemento tanto no que respecta a posibilitar novos espazos de exhibición de espectáculos cara ao público como á dinamización da actividade profesional das compañías.