Nova: López Campos pon en valor un Plan arqueolóxico que este ano intervén en 32 xacementos de 30 concellos

05/10/2024

López Campos pon en valor un Plan arqueolóxico que este ano intervén en 32 xacementos de 30 concellos

A Administración autonómica inviste 551.000€ nos proxectos que se levan a cabo ou están xa executados nas catro provincias 

Os labores inclúen desde tarefas de escavación ou limpeza ata reparacións e accións de divulgación

O responsable de Cultura da Xunta destaca os traballos como “fundamentais para o acondicionamento, protección e difusión do patrimonio máis sobranceiro”

O Castro de Doade é un dos espazos nos que se actuou nesta campaña centrándose na conservación e consolidación

Lalín (Pontevedra), 5 de outubro de 2024

O Goberno galego impulsa este ano un total de 32 intervencións en xacementos localizados en 30 concellos e que son “fundamentais para o acondicionamento, conservación, protección e difusión entre a cidadanía do patrimonio galego máis sobranceiro”. Así o destacou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, en Lalín, onde visitou o Castro de Doade, un dos enclaves obxecto do Plan de actuacións arqueolóxicas ao que a Administración autonómica destina en total 551.000€ neste 2024.

Neste senso, o responsable autonómico de Cultura puxo en valor un conxunto de tarefas que nalgúns casos se están a desenvolver e noutros están xa rematadas, como ocorre no Castro de Doade, que contou cunha nova campaña de escavacións, dando continuidade ás iniciadas no 2015 por iniciativa do Museo Etnográfico Casa do Patrón e nas que este ano a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude aportou 18.000€. 

Os traballos realizados neste xacemento tiveron que ver coa limpeza da vexetación, levantado de chans, conservación e restauración da zona habitacional e diferentes accións para conseguir unha mellor comprensión do lugar de cara á súa difusión e musealización, así como o estudo dos materiais arqueolóxicos recuperados.

Así, López Campos resaltou a importancia deste enclave como “recurso cultural, social e turístico para esta zona en concreto e para Galicia en xeral”, ao tempo que loubou a “implicación da Casa do Patrón impulsando a protección deste ben e a divulgación da súa historia”.

O Castro de Doade forma parte dunha folla de ruta que, tal e como lembrou o representante da Xunta vén dar continuidade aos traballos destes últimos anos destinados “a poñer en valor a riqueza cultural de Galicia e seguir investigando sobre a gran variedade de xacementos históricos que se atopan na Comunidade”. Así, en solitario ou en colaboración con institucións académicas e concellos, o Goberno galego inclúe entre as actuacións cámaras megalíticas, petróglifos, campamentos romanos, mámoas ou castros, entre outros, onde se desenvolven tarefas que van desde escavacións, limpezas ou acondicionamento da zona ata distintas reparacións e accións destinadas á súa posta en valor.

En total, no plan inclúense investimentos para intervir en 22 enclaves non pertencentes á Xunta, en catro de titularidade autonómica (Castro de Viladonga, campamento de Ciadella, castelos da Limia e Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro), noutros catro espazos mediante convenio cos concellos e en dous en colaboración coas universidades. 

Proxectos en Pontevedra

As intervencións na provincia de Pontevedra, localizadas en 4 municipios, céntranse, ademais dos mencionados traballos no Castro de Doade en Lalín, nun proxecto museográfico en elaboración para o xacemento de Adro Vello, no Grove, co deseño e montaxe dunha aula interpretativa para un lugar no que tamén se reparou o valado perimetral ao lado do mar, ao carón da praia do Carreiro. 

A isto únense diversas reparacións necesarias para o correcto funcionamento do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro e a campaña de investigación e revalorización que lle dá continuidade ás anteriores realizadas no Castro de Pereiras, en Mos.

Actuacións na provincia da Coruña

No caso da provincia da Coruña, inclúense actuacións en sete concellos, entre as que destaca a que se está levando a cabo no campamento romano de Ciadella. Así, ademais da limpeza, mantemento e mellora dalgunhas instalacións como os soportes de sinalización deste forte militar do concello de Sobrado, as tarefas tamén incluíron o acondicionamento da aula de interpretación, xa dispoñible.

Pola súa banda, a escavación arqueolóxica no sector da sauna castrexa do Castro de Sarridal, en Cedeira, así como as tarefas de conservación xa rematadas, permitiron recoñecer novas estruturas e consolidar os restos arqueolóxicos recuperados neste xacemento fortificado da Idade do Ferro.

Son proxectos que se completan con outros que están por comezar na Laracha (no Castro de Montes Claros) e en Zas (Camiño Pedra do Altar), e cos realizados na comarca do Barbanza co rexistro dixital de cámaras megalíticas en Noia, Boiro e Ribeira, ademais da prospección levada a cabo neste último municipio para a documentación dos petróglifos localizados no lugar de Balteiro. 

Traballos en Lugo

É en territorio lucense onde se rexistra o maior número de actuacións neste 2024, dez en total repartidas en 9 municipios. Deste xeito, está en execución a escavación e consolidación do Monte Cido no Folgoso do Courel, dando continuidade ás campañas dos dous anos anteriores nun asentamento do que se retomaron estudos no 2021. 

Así mesmo, baixo convenio coa Universidade de Santiago, desenvolvéronse no Corro dos Mouros, na parroquia de Adai en Lugo, traballos de limpeza e sondaxes para ampliar a zona escavada en 2023, e están en proceso novas investigacións na Cova Eirós en Triacastela. 

As accións tamén chegan a Castro de Rei, onde se está a proceder á conservación e limpeza no Castro de Viladonga, escenario este verán dun campo de voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude; a Sober, coa escavación e inventario dos materiais arqueolóxicos rexistrados no xacemento romano de Proendos; a Pantón, onde están previstos estudos na cova do Cotillón e traballos de consolidación no xacemento do Preguntoiro; á Pastoriza, onde finalizaron as escavacións no Castro de Saa; á Pobra do Brollón, con intervencións en marcha no enclave de Penas do Castelo, e a Quiroga, onde está rematando a reparación do miradoiro do túnel de Montefurado.

Intervencións en Ourense

Na provincia de Ourense, con accións en 10 localidades, o Goberno galego colabora cos concellos na recuperación patrimonial da Cibdá de Armea en Allariz, un xacemento castrexo romanizado no que se está a intervir, e na posta en valor do antigo mosteiro de San Xoán de Camba en Castro Caldelas, con labores que están aínda por comezar. Tamén na revalorización da cámara megalítica e o seu túmulo na mámoa 1 de Veiga de Maus Salas, en Muíños. 

Ademais, este verán levouse a cabo a limpeza e roza de vexetación nos castelos da Limia, titularidade da Xunta, un conxunto composto pola Torre do Castro, no concello de Sandiás, o Castelo da Pena, en Xinzo de Limia, e a Torre de Firbeda, en Porqueira.

A estes proxectos, súmanse en Avión os traballos de escavación e conservación previstos no Castro de San Vicenzo; en  Beariz, a escavación e consolidación artellada sobre o Castro de Garfián; en Boborás, a actuación contemplada no Castro de Cameixa, e, en Nogueira de Ramuín, varios procesos en execución que teñen que ver co mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, coa paraxe de Santa Baia e coa capela de San Miguel de Canal.

Comparte