Nova: Ortiz salienta a difusión do Patrimonio natural e cultural do Parque Nacional Illas Atlánticas a través da formación de guías especializados

07/10/2024

Ortiz salienta a difusión do Patrimonio natural e cultural do Parque Nacional Illas Atlánticas a través da formación de guías especializados

A delegada da Xunta en Vigo deu a benvida este luns aos 60 profesionais de distintos sectores que participan na iniciativa para lograr a acreditación necesaria

Vigo, 7 de outubro de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, deu a benvida este luns aos 60 profesionais de distintos sectores que participarán esta semana nun curso formativo que lles permitirá acreditarse como guías especializados do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

A representante autonómica animou aos participantes a aproveitar esta ocasión para   colaborar na difusión do patrimonio natural e cultural das illas. “É moi importante contar con xente coma vós, que poida trasladar aos nosos visitantes todos os tesouros que esconde o Parque Nacional, porque estamos a falar dunha riqueza histórica e cultural inigualable”, sinalou.

Esta formación vai especialmente orientada a aqueles profesionais e empresas do sector situadas na contorna socioeconómica do Parque Nacional que pretendan exercer no mesmo e necesiten formación especializada para iniciar, guiar e dar a coñecer os valores deste espazo, concienciar sobre a súa conservación e dinamizar grupos.

Deste xeito, recibirán coñecementos sobre as bases conceptuais e teóricas propias da función de guía na rede de Parques Nacionais e para analizar e comprender os principios teóricos da interpretación e a educación ambiental co fin de capacitar aos alumnos para o desenvolvemento das actividades necesarias para guiar a persoas ou grupos.

Comparte