Nova: Xunta e Deputación analizan as instalacións do Teatro Fraga co arquitecto César Portela

09/10/2024

Xunta e Deputación analizan as instalacións do Teatro Fraga co arquitecto César Portela

O obxectivo do percorrido é coñecer a fondo o recinto a nivel técnico de cara a acadar o mellor aproveitamento como centro cultural de referencia

López Campos agradece de novo a colaboración de quen foi o responsable de deseñar o proxecto de rehabilitación do edificio no 2007

Luis López, pola súa banda, valora o coñecemento e experiencia do arquitecto para enriquecer as achegas que o sector cultural e a cidadanía están a facer ao futuro plan de usos do edificio

Vigo, 9 de outubro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitaron  hoxe con César Portela o interior do antigo Teatro Cine Fraga, o emblemático inmoble vigués adquirido polas dúas administracións, co obxectivo de coñecer a reforma iniciada polo arquitecto e as posibilidades de actuación que presenta. Deste xeito, para o titular de Cultura do Goberno galego trátase da segunda toma de contacto con quen fora o encargado de deseñar un proxecto de rehabilitación para o edificio en 2007, despois dunha reunión mantida a principios do pasado mes de agosto.

Neste senso, o representante da Xunta lembrou que o Goberno autonómico e provincial “temos a sorte de contar cos coñecementos de César Portela que nos serviron para empezar a trazar ideas, polo que estamos agradecidos da súa colaboración”. Deste xeito, López Campos destacou que “é primordial coñecer ao detalle os distintos espazos e visualizar as actuacións que estaban previstas na anterior proposta de restauración para comezar a proxectar a reforma que converterá o Teatro Cine Fraga no gran referente da cultura en Vigo, Galicia e noroeste de España”.

O percorrido serviu así, asegurou, “para ter máis claro a nivel técnico o aproveitamento das instalacións para levar a cabo a programación cultural que pretendemos poida acoller este recinto, incluídos espectáculos que esixen unhas dimensións como as que se nos presentan aquí”. 

Pola súa parte, o responsable da Deputación de Pontevedra valorou a experiencia e coñecemento do arquitecto pontevedrés para enriquecer as achegas que os profesionais do sector da cultura e a cidadanía están a facer ao futuro plan de usos do edificio. “Se hai unha voz autorizada para falar da recuperación, das posibilidades de futuro e da importancia de reabrir unha xoia arquitectónica e cultural como o Cine Fraga, ese é Cesar Portela”, sinalou Luis López, quen amosou a súa satisfacción pola excelente acollida que está a ter o proceso participativo para decidir o futuro deste inmoble. “Estamos indo polo camiño correcto”, sostén o mandatario provincial. 

Un edificio emblemático como epicentro cultural de Galicia

O antigo Teatro Cine Fraga foi ideado hai máis de 80 anos por encargo de Isaac Fraga Penedo, un dos exhibidores cinematográficos máis importantes de Galicia naquela época. Con máis de 7.000 metros cadrados, o inmoble, propiedade de Abanca, foi adquirido pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra por 9,3M€, unha operación materializada o 19 de xullo. 

Paralelamente ás comprobacións arquitectónicas e distribución espacial da infraestrutura, estase a traballar nun plan de usos para este gran centro cultural, pensado para atraer á Comunidade proxectos baseados na exhibición, a creación e a participación con propostas culturais e creativas de relevancia. 

O proceso está aberto á cidadanía coa campaña O mellor espazo busca o mellor contido, coa que desde a Xunta e a Deputación están a manter encontros co sector para escoitar as súas aportacións, ademais de manter unha caixa de correo a disposición de calquera persoa que queira deixar unha suxestión. 

Comparte