Nova: López Campos destaca a Fundación Moldes como un importante foco cultural para Pontevedra
09/10/2024
López Campos destaca a Fundación Moldes como un importante foco cultural para Pontevedra
Na presentación do catálogo da exposición ‘Misterio+Luz=Pintura vida’ recoñece o percorrido artístico do pintor Manuel Moldes
Ademais, resalta o papel da entidade na “divulgación da nosa arte, conservando o legado do autor e sendo espazo tamén para novos creadores”
Enxalza a “intensa actividade cultural da cidade” programada por distintos espazos
Pontevedra, 9 de outubro de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou o percorrido artístico de Manuel Moldes durante a presentación do catálogo da exposición Misterio+Luz=Pintura Vida, cuxa inauguración en novembro do ano pasado poñía en marcha a fundación que leva o nome do pintor de Pontevedra. Unha institución, resaltou o representante da Xunta, “que se converteu nun novo foco cultural para os pontevedreses e para a sociedade en xeral, un punto de encontro que celebramos pola súa aportación a prol do legado dos nosos artistas”.
Tal e como lembrou o titular autonómico de Cultura, trátase dunha entidade que conta co apoio do seu departamento “pola súa contribución á divulgación da nosa arte, conservando a obra de Manuel Moldes e tamén configurándose como un espazo expositivo para os nosos creadores, enriquecendo así a oferta cultural da cidade”.
Na publicación recóllense as obras dos máis de 50 anos de traballo do autor, desde algúns dos seus primeiros debuxos de cativo ata o seu derradeiro cadro, pasando por moitas das etapas que foron xurdindo co pasar dos anos e ata pezas descoñecidas recuperadas pola fundación. Toda unha homenaxe a unha figura destacada da vida pontevedresa, cidade na que naceu e na que foi mestre da Facultade de Belas Artes. Teñen obra súa, entre outras institucións, o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo Municipal Quiñones de León, o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa, a Colección Afundación e a Fundación María José Jove.
Proxecto expositivo ‘Simultánea’ en Afundación
“A actividade cultural en Pontevedra é intensa”. Así o recoñeceu o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, que tamén se achegou ao Café Moderno de Afundación para coñecer o seu macroproxecto expositivo Simultánea, que ademais de na cidade do Lérez tamén estará ao tempo na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo.
Na inauguración da mostra en Pontevedra, baixo o título Abstraccións e mensaxes cifradas, López Campos loubou esta iniciativa “que nos convida a contemplar diversas artes e permite achegarnos á obra da colección de Afundación desde todas as grandes cidades, ofrecendo unha oportunidade única de coñecemento cultural desde diferentes perspectivas”.
A entidade organizou esta serie de mostras no marco da celebración do seu décimo aniversario, poñendo ante o público pezas froito da creación artística galega desde o século XIX ao XXI en diversos eidos como é a fotografía, a pintura, a escultura, o videoarte ou a instalación.