Nova: A Xunta aposta por fortalecer os vínculos culturais co Norte de Portugal a través do VI ‘Nortear Ilustrado’

10/10/2024

A Xunta aposta por fortalecer os vínculos culturais co Norte de Portugal a través do VI ‘Nortear Ilustrado’

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación do encontro que se está a celebrar na illa redondelá ata o venres, unha xornada máis que nas anteriores edicións

A residencia artística está coordinada polo destacado ilustrador Federico Fernández e participarán os artistas galegos Ramón Trigo e Pepa Prieto, e as portuguesas Ana Almeida e Firoozeh Zadeh

Redondela (Pontevedra), 10 de outubro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da VI edición do Nortear Ilustrado San Simón, onde destacou a aposta do Goberno galego por seguir fortalecendo os vínculos culturais entre Galicia e o Norte de Portugal. Esta residencia artística celébrase desde o martes ata mañá na illa redondelá, sumándose unha xornada máis respecto ás anteriores estadías.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor a gran variedade de propostas que se levan a cabo neste enclave e que promoven actividades relacionadas coa arte, a literatura ou a tradución. Neste senso, salientou que esta iniciativa, baixo o lema de traballo A libreta como laboratorio de ideas, afondará na creación artística no ámbito da ilustración e o deseño gráfico.

Con artistas recoñecidos

Esta edición, que comezou onte, está coordinada polo multipremiado docente e ilustrador de libros infantís, Federico Fernández, e reúne a catro profesionais recoñecidos dentro do mundo da creación. No caso dos participantes de orixe galego está o artista polifacético Ramón Trigo (Vigo, 1965), e a ilustradora Pepa Prieto (Santiago de Compostela, 1989), que traballou para The New York Times e acaba de lanzar o seu primeiro cómic.

En representación de Portugal participan a artista contemporánea Ana Almeida (Sintra, 1959), especializada na pintura en tea e na dixital, e Firoozeh Zadeh (Irán, 1987), profesional de orixe persa que pinta con diferentes materiais e sobre diversos soportes.

Durante as catro xornadas, unha mais que nas edicións anteriores, os profesionais realizaron diversas actividades co propósito de fortalecer o coñecemento mutuo do sector e producir obra plástica orixinal inspirada na illa empregando como soporte a libreta Moleskine e, como materiais, lapis de grafito e acuarelas. Como resultado da súa estancia nesta residencia artística, producirán cadanseu caderno de autor, que se sumarán á colección de materiais xerados en anteriores edicións e que serán expostos nunha mostra.

Ademais estarán presentes tres grupos de estudantes procedentes das Escolas de Arte e Superiores de Deseño Pablo Picasso da Coruña, Antonio Faílde de Ourense e Ramón Falcón de Lugo, que terán a oportunidade de coñecer de primeira man a traxectoria profesional dos creadores convidados e de compartir con eles un espazo de conversa e debate.

Esta residencia encádrase no programa de intercambio cultural entre Galicia e Portugal Nortear, que ten como entidades promotoras a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-N), liderados pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial de Galicia–Norte de Portugal (GNPAECT).

Comparte