Nova: Valentín García salienta a calidade dos textos do primeiro concurso de microrrelatos do Instituto de Estudos Carballineses
10/10/2024
Valentín García salienta a calidade dos textos do primeiro concurso de microrrelatos do Instituto de Estudos Carballineses
Resultan premiados os autores Pablo Nogueira Campo, Alba García Moreira e Juan Carlos García Rodríguez, que cursan os seus estudos nos institutos IES n.º 1 e Manuel Chamoso Lamas
O secretario xeral da Lingua tamén participa no acto de conmemoración do 25º aniversario da entidade
O Carballiño (Ourense), 10 de outubro de 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe no acto de entrega dos premio do Concurso Escolar de Microrrelatos promovidos polo Instituto de Estudos Carballineses. Trátase dun recoñecemento que nesta primeira edición recaeu nos alumnos Pablo Nogueira Campo, pola peza O Cadillac do indiano, a Alba García Moreira, por Die Mutter, e mais a Juan Carlos García Rodríguez, polo relato O vello sen mar, dos institutos n.º1 Manuel Chamoso Lamas.
Con motivo deste galardón o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, salientou a calidade e a orixinalidade dos textos e aproveitou a ocasión para felicitar aos organizadores polo 25º aniversario da fundación do instituto.
150º aniversario do nacemento de Antonio Palacios
O Instituto de Estudos Carballineses prepara a edición da obra 150º aniversario do nacemento de Antonio Palacios. A construción da luz, que con motivo desta efeméride, afonda nas obras do destacado arquitecto e urbanista porriñés que transformou e modernizou a fisionomía de diversos lugares de España, nomeadamente de Madrid, para alén de deixar en Galicia pegadas tan maxistrais como a Igrexa da Veracruz, no Carballiño. Neste senso, Valentín García puxo en valor na súa intervención “o legado que deixou o artista e que debemos de coidar, valorar e preservar no tempo”.