Nova: A Cidade da Cultura promove a creación artística na infancia cunha proposta que alenta a tocar, camiñar ou xogar con obxectos artísticos

12/10/2024

A Cidade da Cultura promove a creación artística na infancia cunha proposta que alenta a tocar, camiñar ou xogar con obxectos artísticos

‘Zapaburu’ é un proxecto que chega por primeira vez a Galicia e que aposta por un universo no que a cativada de entre 0 e 6 anos poida gozar da arte

A actividade terá lugar no Museo Centro Gaiás os días 8, 9 e 10 de novembro e as entradas xa poden conseguirse en Ataquilla.com

A proposta, creada por ‘Gheada Estudio’ conta con dúas instalacións artísticas artelladas polas recoñecidas ilustradoras Ruth Juan e Raisa Álava

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2024

A Xunta de Galicia fomenta alternativas de lecer cultural para as familias con Zapaburu. Unha actividade que chega por primeira vez a Galicia na que a arte xa non se enfoca exclusivamente desde unha perspectiva didáctica, senón que se transforma nun espazo para experimentar con todos os sentidos as distintas pezas que compoñen a instalación. O seu obxectivo é estimular a creatividade na primeira infancia e facer dos museos un lugar accesible para os nenos e nenas.

Zapaburu é un proxecto destinado á cativada que busca a conexión emocional e a diversión a través da experiencia artística. A proposta levarase a cabo os días 8, 9 e 10 de novembro no Museo Centro Gaiás. O venres será en horario de 16,00 a 20,00 horas e o sábado e domingo de 11,00 a 14,30 horas pola mañá e de 16,00 a 20,00 horas pola tarde. Ao longo dos tres días durante os que se desenvolverá a actividade, 720 nenos e nenas en quendas de 20, poderán achegarse ao Gaiás xunto a un adulto responsable para gozar desta experiencia. As entradas xa están dispoñibles en Ataquilla.com.

Outro xeito de achegarse á arte

Gheada Estudio é un proxecto das galegas Rut Briones e Raquel Durán, ambas afincadas en Bilbao e enfocadas na creación de instalacións artísticas e proxeccións audiovisuais para as artes escénicas. Zapaburu nace da idea de que a cativada poida achegarse á arte sen mediación, do xeito que os nenos e nenas consideren. Esta instalación tamén está concibida dende o material, afastándose da tecnoloxía e deixando que os máis pequenos toquen e experimenten.

O conxunto está conformado por dúas propostas. A primeira, deseñada pola ilustradora Ruth Juan e dirixida a nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, está chea de animais nos que a cativada poderá introducirse, deitarse, e inclusive usar de andador. Conta, por exemplo, cunha escultura branda con forma de serpe sobre a que gatear, un móbil cinético feito de animais ou unha serie de pezas téxtiles sobre as que se poden recostar. A segunda instalación é obra de Raisa Álava e está dirixida á rapazada de entre 3 e 6 anos cunha estrutura modular acorde ás súas necesidades de movemento. Está composta por unha fachada magnética elaborada con imáns e que actúa de lenzo para que a rapazada a decore ao seu xeito. Ao introducirse nela atoparán unha cabana con xogos ópticos e ilustracións da artista. 

Este proxecto artístico de Gheada puido visitarse con anterioridade no Museo de Reproducciones de Bilbao. A el acudiron milleiros de persoas con case o 100% das reservas cubertas. Este outono, viaxará por primeira vez a Galicia convertendo ao Museo Centro Gaiás nun espazo no que a cativada está ao mando. Involucrar aos nenos e nenas na creación artística é chave para que as novas xeracións se convertan en consumidoras de cultura. 

Con esta proposta, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúa afondando na súa liña de programación familiar co fin de xerar espazos nos que agromen propostas de lecer culturais alternativas para a cativada.

Comparte