Nova: O Premio Otero Pedrayo 2024 recoñece a traxectoria artística de máis dun século da Coral de Ruada
14/10/2024
O Premio Otero Pedrayo 2024 recoñece a traxectoria artística de máis dun século da Coral de Ruada
O xurado distingue a esta agrupación pola súa contribución á cultura no campo da música tradicional galega
Ourense, 14 de outubro de 2024
O xurado do Premio Otero Pedrayo, impulsado pola Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais, vén de fallar o galardón deste 2024 a favor da Coral de Ruada. Na xuntanza, na que participaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, elixiron esta agrupación pola súa traxectoria de máis dun século levando a música tradicional galega a grandes festivais nacionais e internacionais e tamén polo seu labor na promoción de actividades de formación de teatro e da escola de música.
O premio está dotado con 16.000 euros e recoñece a contribución que fan persoas ou entidades á cultura galega, como é o exemplo desta agrupación musical. O xurado, composto por representantes do Goberno galego, das catro deputacións, das universidades galegas, da Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da Fundación Otero Pedrayo, destacou o percorrido da Coral Ruada e o seu traballo na promoción da música tradicional, con múltiples discos gravados, publicacións escritas ou diferentes actividades arredor da cultura.
O Premio Otero Pedrayo naceu en 1977 co obxectivo de perpetuar e honrar a memoria do ilustre galeguista, recoñecer a contribución á cultura de persoas e entidades no campo das letras e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.