Nova: A Xunta dálle forma á Rede Adival de Dinamización da Cultura no rural iniciando xuntanzas informativas
14/10/2024
A Xunta dálle forma á Rede Adival de Dinamización da Cultura no rural iniciando xuntanzas informativas
Trátase da primeira das reunións territoriais previstas con distintas institucións, equipamentos, xestores ou asociacións para compartir a iniciativa
A medida vai en consonancia coa futura Lei de cultura inclusiva e accesible que será aprobada a finais de ano
Anxo M. Lorenzo destaca o obxectivo de “achegar actividade a todos os puntos de Galicia a través desta potente ferramenta que permitirá un traballo conxunto”
Mondoñedo (Lugo), 14 de outubro de 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, iniciou hoxe en Mondoñedo unha rolda de xuntanzas territoriais que ao longo destas semanas se celebrarán nas catro provincias galegas con xestores e industrias culturais, equipamentos museísticos, federacións, asociacións e fundacións, entre outras entidades, para dar a coñecer de primeira man a Rede Adival de Dinamización da Cultura no Rural de Galicia e escoitar propostas e suxestións.
Tal e como explicou o representante da Xunta, a iniciativa “pretende constituírse como unha potente ferramenta que permitirá un traballo conxunto co obxectivo de achegar a actividade cultural a todos os puntos da Comunidade”. Así, sostivo, “estas reunións encádranse na nosa intención de involucrar directamente aos axentes para que coñezan as vantaxes de pertencer ao circuíto e dialogar con eles sobre as súas inquedanzas e suxestións”.
Todo isto, lembrou Anxo M. Lorenzo, vai en consonancia coa Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia que se aprobará a finais de ano co propósito de que “o lugar de residencia, a idade, ou calquera outra cuestión, non sexan uns condicionantes á hora de poder gozar da mellor oferta cultural”.
Con este novo paso, desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúase a avanzar de cara a contar nos vindeiros meses co documento no que quede definido o organigrama da Rede Adival, que se concibe como unha asociación de carácter voluntario que aglutinará a entidades sen ánimo de lucro e que suporá, subliñou o responsable da área de Cultura da Xunta, un “importante impacto para a poboación que vive fóra das áreas urbanas ampliando as súas oportunidades de programación no eido da cultura”.
Liñas de actuación
A posta en marcha da iniciativa persegue ampliar a oferta cultural en todo o territorio, ademais de favorecer a diversidade de propostas e o intercambio rural-urbano. Así, entre as súas liñas de actuación figura o deseño dunha programación cultural propia, na que se contemple a itinerancia de ciclos polas entidades adheridas.
Tamén quedarán estipuladas as subvencións ás que terán acceso os integrantes, así como un servizo de asesoramento e un plan de formación. A elaboración dun programa de mediación que axude aos participantes na Rede na composición das súas actividades, tendo en conta os seus recursos e públicos, é outra das vantaxes das que se beneficiarán.