Nova: A Xunta apoia a nova edición do ciclo 'Música con V de Vigo' con grandes talentos da clásica e do jazz para “unir ocio, arte e cultura”

16/10/2024

A Xunta apoia a nova edición do ciclo 'Música con V de Vigo' con grandes talentos da clásica e do jazz para “unir ocio, arte e cultura”

A delegada territorial, Ana Ortiz, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentaron os concertos que se celebrarán o 5,6, 12 e 13 de novembro

O Teatro Afundación acollerá catro concertos e unha proxección de cine que pretenden “democratizar a música” e “chegar a todos os públicos”

Vigo, 16 de outubro de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentaron este mércores a segunda edición de Música con V de Vigo (Musicav 2024) xunto á vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, e os directores artísticos do evento, Javier Ferreiro e Rosanna Ojea.

A representante autonómica destacou o apoio do Goberno galego a un ciclo de música que pretende “democratizar” a música clásica e o jazz na cidade. “Quero agradecer o traballo dos organizadores polos esforzos que realizaron para chegar a todos os públicos e por presentar unha escenificación moi coidada, sen deixar nada ao azar, estou segura e desexo que sexa de novo un éxito”, sinalou Ortiz.

Pola súa banda, Anxo Lorenzo apuntou que “as administracións temos que impulsar a cultura e outras veces apoiar, como agora desde Vitruvia, que leva desde 2015 facendo un traballo encomiable, para dar un paso máis e proxectarse hacia fóra”. O director xeral engadiu que “a clásica e o jazz son minoritarios, pero teñen público e o comprobamos coas programacións que hai en Vigo”.

Programación no Teatro Afundación

O Teatro García Barbón-Afundación acollerá o ciclo organizado por Vitruvia para o vindeiro mes de novembro (días 5, 6, 12 e 13) no que destaca a calidade da música e dos seus intérpretes. A apertura dos concertos correrá a cargo de Corrente do Golfo, enmarcado no world-jazz de orixe ibérica, que fusionará a cultura galega, española e cubana a través do produtor Alberto Conde e a cantante cubana Diana Darín.

O mércores 6 de novembro será a quenda da música clásica co concerto De Bach a Glass da man da xove intérprete viguesa Paula Diz, acompañada do pianista Iván Fernández, a soprano Beatriz Riobó, o tenor alemán Ralf Glasz e a pianista lituana Rasa Biveiniene. O día 12 actuará o trío liderado por Alfonso Medela e o ciclo finalizará o 13 de novembro coa proxección da película O maquinista da xeral, de Buster Keaton, con música a cargo da agrupación Caspervek.

Apoio da Xunta de Galicia

Javier Ferreiro destacou o apoio do Goberno galego e o a súa “aposta pola cultura e por rexenerar o público con música que sen as administracións sería imposible programar”, O responsable de Vitruvia sinalou que o ciclo serve para “dar visibilidade a grandísimos talentos de Galicia que tocan en todo o mundo e tamén para atraer aos mellores músicos con catro concertos variados, dirixidos e pensados para que o público goce”.

Rosanna Ojea, directora artística, destacou o traballo feito desde hai dez anos, con máis de 600 concertos, como “a semente” do ciclo Musicav. “Chegamos a esta segunda edición para abrir a cultura, a clásica e o jazz ao público, temos ante todo un obxectivo de labor de benestar persoal e social, unindo arte, ocio e cultura”, engadiu.

Are More e Imaxina Sons

Por último, Luisa Sánchez, destacou que a programación permite á cidade de Vigo ofertar música para os amantes do jazz. “Pode que sexa un público minoritario pero ten unha fidelidade importante e convértese nunha alternativa aos festivais, especialmente tras a perda de citas como o Are More ou Imaxina Sons”, sinalou.

Comparte