Nova: O ciclo ‘Ópticas contemporáneas’ transforma o coñecemento científico en experiencia musical co concerto ‘Mudar a pel’ na Cidade da Cultura
16/10/2024
O ciclo ‘Ópticas contemporáneas’ transforma o coñecemento científico en experiencia musical co concerto ‘Mudar a pel’ na Cidade da Cultura
O historiador e artista sonoro Andrés Rodrigues, o musicólogo e gaiteiro Llorián García e a profesora e investigadora Mari Luz Esteban son os creadores deste espectáculo multimedia que combina antropoloxía, música, audiovisual e literatura
A proposta é resultado da primeira residencia de investigación e experimentación artística impulsada pola Cidade da Cultura e o Incipit-CISC
Haberá un obradoiro dirixido ao público infantil en paralelo ao concerto para favorecer a conciliación das familias asistentes
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2024
A segunda cita de Ópticas contemporáneas, o ciclo impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, propón ao público unha experiencia sonora e visual que reflexiona sobre cuestións actuais abordadas pola antropoloxía e as ciencias sociais. A saúde mental, a degradación do medio ambiente, as desigualdades extremas ou as violencias son algúns dos temas que traslada desde o coñecemento científico á práctica artística a orixinal proposta multimedia Mudar a pel, o venres 18 de outubro, ás 20,00 horas, no Museo Gaiás.
Mudar a pel é resultado da primeira residencia de investigación e experimentación artística impulsada polo Instituto de Ciencias do Patrimonio e a Xunta de Galicia. O proxecto xestouse a finais do ano pasado dentro do programa de Residencias Artísticas do Gaiás coa profesora e investigadora da Universidade do País Vasco, Mari Luz Esteban, o musicólogo e gaiteiro Llorián García e o historiador e artista sonoro Andrés Rodrigues, coordinados polo investigador do Incipit-CSIC, Íñigo Sánchez-Fuarros.
Textos de filosofía, ensaio, artigos científicos e literarios de autores e autoras contemporáneas como Susan Sontag, Emily Dickinson, Adriana Cavarero, Claes Anderson ou Flora Fong entrelázanse coas paisaxes sonoras e os audiovisuais da peza, nos que destaca tamén a colaboración da bailarina e coreógrafa galega Sabela Domínguez. O conxunto forma un novo tecido sensorial a través do que volver a sentir e repensar o xeito no que o ser humano se relaciona entre si e coa súa contorna.
Aínda que as entradas para Mudar a pel están esgotadas, as familias que asistan aínda poden reservar praza no obradoiro infantil gratuíto que decorrerá en paralelo ao concerto co fin de favorecer a conciliación. As reservas pódense facer a través de Ataquilla ou no despacho de billetes do Museo Gaiás.