Nova: A Xunta pide por carta aos ministros de Cultura e Xuventude avanzar de xeito conxunto nas demandas prioritarias para Galicia nestes eidos
17/10/2024
A Xunta pide por carta aos ministros de Cultura e Xuventude avanzar de xeito conxunto nas demandas prioritarias para Galicia nestes eidos
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude envioulles as misivas a Ernest Urtasun e Sira Abed para tratar estes temas desde un “diálogo continuo e construtivo”
Apúntase ao apoio á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco ou o reparto do fondo para a promoción das linguas cooficiais no audiovisual
Os problemas de acceso a vivenda e á emancipación da xente moza son outras das cuestións onde o Goberno galego reclama “reforzar a colaboración e o diálogo”
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2024
A Xunta de Galicia vén de demandar por carta ao ministro de Cultura e a ministra de Xuventude e Infancia, Ernest Urtasun e Sira Abed, respectivamente, avanzar conxuntamente nas demandas prioritarias para a Comunidade galega nestes dous departamentos co obxecto de abordalas desde un “diálogo continuo e construtivo”.
Precisamente, esta mañá o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, tratou algunha destas cuestións na reunión da Conferencia Sectorial do Ministerio de Cultura celebrada por videoconferencia. Nesta liña, avanzou na súa intervención algún dos “aspectos relevantes” que afectan á cultura da nosa comunidade e que se trasladan e recollen na misiva ao ministro Ernest Urtasun, entre as que se atopan o impulso á candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga para que logre ser Patrimonio Mundial da Unesco, o reparto do fondo para a promoción das linguas cooficiais no audiovisual ou os beneficios fiscais para as empresas que apoien o vindeiro Xacobeo 2027.
“A cultura é un piar fundamental da nosa identidade e de cohesión social, polo que é esencial establecer un marco conxunto no que poidamos traballar para fortalecer as nosas políticas culturais”, defende o departamento que dirixe José López Campos na carta remitida, que ten por obxecto manter a “comunicación aberta” e continuar a reforzar os lazos de colaboración, “que son fundamentais para o desenvolvemento cultural do noso país”.
Vivenda e emancipación
Con respecto á carta enviada á ministra de Juventud e Infancia, Sira Abed, o Goberno galego centrou os temas que urxen abordar naqueles que se consideran “especialmente relevantes” e que están vencellados coa vivenda e emancipación, “unha problemática que cada vez afecta a máis mozos e mozas de Galicia”, advírtese.
“As novas xeracións son un alicerce fundamental para o desenvolvemento do noso país polo que é esencial establecer un marco desde o que traballemos de xeito conxunto”, empraza a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude á responsable de Juventud e Infancia do Executivo central, á que se lle precisa que o obxectivo desta comunicación é o de establecer un traballo común ao respecto destas cuestións entre ambas as dúas administracións.