Nova: A Xunta e Agadea premian a Irene Alonso Gasalla e a Ángela María Curro

17/10/2024

A Xunta e Agadea premian a Irene Alonso Gasalla e a Ángela María Curro

Valentín García participa na entrega deste galardón de literatura infantil pola obra ‘O novelo de Nenuca’

O secretario xeral da Lingua destaca o éxito de participación do premio que promove o uso da lingua galega na literatura infantil e xuvenil

Santiago de Compostela, 17 de outubro 2024

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na entrega do terceiro premio de literatura infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer, que recaeu en Irene Alonso Gasalla e Ángela María Curro pola obra O novelo de Nenuca. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer que conta co apoio da Xunta de Galicia, co obxectivo de sensibilizar sobre esta doenza entre a cativada e establecer vínculos a través da literatura entre as distintas xeracións.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, salientou a consolidación deste certame e destacou “a capacidade de conexión interxeracional da iniciativa”. Neste senso, felicitou aos organizadores polo éxito de participación “na terceira edición deste certame xa consolidado entre os premios que promoven o uso da lingua galega na literatura infantil e xuvenil” e polo traballo en materia de concienciación sobre a doenza que afecta a máis de 70.000 galegos e galegas.

As autoras premiadas

Irene Alonso Gasalla (Pontevedra, 1980) é filóloga inglesa pola Universidade de Vigo e profesora de inglés de ensino medio. É autora de artigos de opinión en revistas especializadas en educación e prensa e autora de varios libros de literatura infantil como o conto As cicatrices do caranguexo (Xerais, 2021), A caca Cuca (Galaxia, 2021), A caca Cuca viaxa a UK (Galaxia, 2023) e Refugallo o espantallo (2024).

Pola súa banda, Ángela María Curro (Vilagarcía de Arousa, 1985) foi a encargada de ilustrar o exemplar galardoado. É licenciada en Belas Artes pola universidade de Vigo e tamén debuxante de cómics como Baixo o Pantano (Demo Editorial, 2022). Actualmente está adaptando a obra de Emilia Pardo Bazán, La gota de sangre (Grafito Editorial, 2024), a primeira novela de detectives de España.

O premio de literatura infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer parte da inspiración dunha obra pioneira neste campo en Galicia, Chamádeme Simbad (2009), de Francisco Castro, que buscaba sensibilizar sobre as devanditas enfermidades, así como promover a literatura infantil e xuvenil en galego. As gañadoras, que recibirán 3000 euros e a posibilidade de ver publicada a súa obra, uniranse a Raquel Castro e Ignacio Vidal, galardoados na primeira e segunda edición, respectivamente.

Comparte