Nova: López Campos enxalza a Ledicia Costas como referente da calidade da literatura e lingua galegas
17/10/2024
López Campos enxalza a Ledicia Costas como referente da calidade da literatura e lingua galegas
A Cidade da Cultura acolle esta cita enmarcada na celebración do Día das Escritoras
O representante do Goberno galego pon en valor que é unha das escritoras máis lidas e premiadas do panorama literario galego e unha das máis traducidas
Salienta o recoñecemento e prestixio das nosas autoras, con cinco Premios Nacionais no último lustro por obras na nosa lingua
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe a Ledicia Costas como “exemplo e referente” da “enorme calidade” da literatura e lingua galegas que contan cun “xusto recoñecemento e prestixio dentro e fóra de Galicia”. Así o aseverou durante a súa participación na homenaxe a escritora viguesa celebrado hoxe na Cidade da Cultura co gallo do Día das Escritoras, efeméride que este ano se celebrou o 14 de outubro.
Neste acto, aberto ao público e que se centrou en afondar na súa obra a través dunha conversa coa xornalista e tamén autora María Solar, o conselleiro finxo fincapé na “calidade e prestixio” de Ledicia Costas, en particular, e das escritoras galegas, en xeral, tal e como reflicte o feito de que no último lustro cinco delas teñen sido distinguidas con Premios Nacionais con obras escritas en galego: Chus Pato, Yolanda Castaño, Olga Novo, Pilar Pallarés e Marilar Aleixandre.
Acompañado nesta homenaxe polo director xeral de Cultura, López Campos defendeu ter posto o foco da celebración do Día das Escritoras en Ledicia Costas pola “súa excelsa calidade, tal e como corrobora que sexa unha das máis lidas e premiadas do panorama literario galego”. Ademais, puxo en valor que é tamén unha das autoras máis traducidas, “o que a converte nunha difusora e embaixadora da creación e da cultura galegas en Galicia e no resto do mundo”, salientou.
Extenso e premiado currículo literario
Precisamente, lembrou que este labor foi recoñecido polo Goberno galego en 2023 cunha das Medallas Castelao, “que distinguen as galegas e galegos polas súas contribucións singulares e por levar o nome de Galicia máis aló das nosas fronteiras”, precisou. Ademais, salientou que a esta “significativa distinción”, súmaselle a dos Premios da Cultura Galega na categoría de Letras en 2020.
O conselleiro de Cultura tamén quixo destacar dun xeito especial a súa “particular inquedanza” por achegar a lingua galega ás xeracións máis novas, con constantes reedicións das súas obras, entre as que se inclúe a súa primeira novela Unha estrela no vento, que vai pola 17ª edición.
López Campos fixo un repaso polos importantes recoñecementos cos que conta Ledicia Costas, entre os que subliñou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, outorgado polo Ministerio de Cultura a Escarlatina, a cociñeira defunta, gañadora anteriormente do Premio Merlín e que, en 2016, pasaría a formar parte da Lista de Honra da Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY). Ademais, tamén subliñou que foi a obra coa que se levou o Premio Lazarillo de Literatura infantil, que volveu repetir con outros dous libros, “converténdose na única autora na historia deste galardón que logrou este triplete”, remarcou.
Cómpre destacar que, entre os seus extensos recoñecementos, inclúense os de carácter internacional, como o prestixioso Premio White Raven por Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta. Volveu ser premiada co mesmo premio en 2017 pola novela A badalada dos unicornios, converténdose na única autora galega en conseguilo en dúas ocasións. Pola versión en castelán recibiu o Premio Kelvin 505, outorgado no marco do Festival Celsius.
Aínda que os seus maiores éxitos tenos acadado no contexto da literatura infantil e xuvenil, está considerada unha autora versátil que transita por diversos temas, estilos e xéneros. Precisamente, en 2022 gañou o XX Premio de Poesía Afundación con Ultraluz.
Acto de homenaxe aberto ao público
Finalmente, López Campos considerou que este amplo e premiado currículo “avala por si mesmo” que se teña centrado na súa traxectoria o Día das Escritoras, nun acto aberto ao público a modo de conversa entre Ledicia Costas e a xornalista e escritora María Solar, Premio Xerais de Novela en 2022. Deste xeito, os e as asistentes puideron profundar de primeira man na ampla e variada obra da autora, e permitiu tamén coñecer máis as súas creacións e o seu proceso de escrita.