Nova: A Xunta exhibirá no Gaiás obras dos mellores tatuadores contemporáneos realizadas en modelos de silicona na maior mostra do mundo sobre esta arte

20/10/2024

A Xunta exhibirá no Gaiás obras dos mellores tatuadores contemporáneos realizadas en modelos de silicona na maior mostra do mundo sobre esta arte

‘Tattoo. Arte baixo a pel’ reúne máis de 240 fotografías, debuxos, pinturas, tatuaxes e ferramentas de tatuar procedentes dunha vintena de países para contar a historia e simboloxía desta práctica milenaria

A mostra exhibe pezas únicas tatuadas por pioneiros e referentes como o tatuador de estrelas do rock Paul Booth, o suízo Filip Leu, un dos tatuadores máis solicitados do mundo, ou Horiyoshi III, custodio da tatuaxe tradicional no Xapón

Producida polo musée du Quai Branly–Jacques Chirac coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a colaboración da Fundación “la Caixa”, a exposición inaugúrase o 24 de outubro no Museo Gaiás

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2024

A exposición Tattoo. Arte baixo a pel, impulsada pola Xunta de Galicia e o musée du quai Branly–Jacques Chirac (Francia) coa colaboración da Fundación “la Caixa”, exhibirá a partir do vindeiro xoves 24 de outubro na Cidade da Cultura obras dalgúns dos mellores artistas da tatuaxe actual nun formato único e innovador.

A mostra exporá unha vintena de modelos de silicona hiperrealistas, tatuados por mestres como Horiyoshi III, depositario do legado da tatuaxe tradicional xaponesa, o suízo Filip Leu, un dos tatuadores máis influentes e solicitados a nivel mundial, cunha lista de agarda de ata dez anos, e tamén de pioneiras na introdución da cor no estilo hiperrealista, como a estadounidense Kari Barba, Paul Booth, creador de deseños escuros que seduciron a músicos de bandas de rock como Slayer, Slipknot, Lamb of God ou Sepultura. Ou o holandés Henk Schiffmacher (Hanky Panky), que tatuou a estrelas como Lady Gaga e os Red Hot Chili Peppers, e estará presente na apertura da mostra.

Estas orixinais pezas, realizadas por empresas especialistas en maquillaxe e réplicas para cine, forman parte da maior e máis diversa exposición internacional sobre tatuaxe realizada ata agora, composta por máis de 240 obras históricas e contemporáneas de 18 países e comisariada por Anne Richard, destacada axente cultural da arte europea de vangarda e fundadora da influente revista HEY! Modern Arte & Pop Culture.

A través de fotografías, debuxos, pinturas, audiovisuais, ferramentas de tatuar e modelos tatuados procedentes dos cinco continentes, o público galego descubrirá en Tattoo. Arte baixo a pel as orixes, evolución, simboloxía e fundamentos dunha práctica presente en todas as épocas e culturas do mundo.

O atractivo e calidade da mostra e a excelente acollida de público no seu periplo internacional por museos e institucións culturais de Francia, Canadá, Estados Unidos, Taiwán e Rusia —así como os centros da Fundación “la Caixa” en España— moveron á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a traballar man a man co Quai Branly para que as galegas e galegos teñan ocasión de visitala no Museo Gaiás, onde permanecerá ata o 20 de abril de 2025.

Tattoo. Arte baixo a pel completa o programa de exposicións internacionais de 2024 da Cidade da Cultura. Unha oferta que suma ata hoxe máis de 75.000 visitantes grazas a mostras como Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum, ou Unha vida viquinga, aberta aínda ata o mes de xaneiro .

Comparte