Nova: As Feiras do Libro sumaron máis de 17.000 visitantes e 900 actividades na edición deste ano

21/10/2024

As Feiras do Libro sumaron máis de 17.000 visitantes e 900 actividades na edición deste ano

  • O Consello da Xunta avalía o informe das citas desde 2022 no que se manifesta o incremento en máis de 10.000 asistentes e máis de 600 propostas
  • No circuíto impulsado polo Goberno galego e a Federación de Librarías de Galicia vendéronse 55.000 exemplares que xeraron un volume de negocio de 800.000 euros
  • A Administración autonómica apoia tamén a participación de editoriais e profesionais do libro en cinco eventos internacionais con 200.000€

As Feiras do Libro sumaron máis de 17.000 visitantes e posibilitaron a celebración de 900 actividades na edición deste ano. Así se desprende do informe avaliado hoxe polo Consello da Xunta no que se analiza a evolución destas citas entre os anos 2022 e 2024. Así, tal e como se recolle neste estudo, este ano celebráronse 13 citas que contaron coa realización de iniciativas como sinatura de libros, presentación de novidades, recomendacións literarias, charlas e coloquios con creadores, espectáculos, musicais e propostas específicas para o público infantil. O documento pon de manifesto tamén  que o número de participantes nesta edición medrou en relación a 2022 en máis de 10.000 persoas e contou con 600 actividades máis.

 

Ademais, a través dos datos facilitados pola Federación de Librarías de Galicia, do total de asistentes, máis do 80% mercaron algún libro. Deste xeito, vendéronse un total de 55.000 exemplares, dos cales o 35% estaban escritos en galego, xerando máis de 800.000 euros de volume de negocio e un retorno para a sociedade por cada euro investido de 1,93 euros.

 

Dentro da estratexia da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén se apoia a participación en eventos internacionais con 200.000€ anuais para asistir a cinco feiras de todo o mundo: Liber, en España; Frankfurt, en Alemaña; Bolonia, en Italia; Buenos Aires, en Arxentina, e Guadalajara, en México. Trátase dunhas citas que, segundo o análise, rexistran cada ano un importante incremento nas peticións de asistencia, pasando de 8 en 2022 a 27 neste mesmo ano.

 

Neste senso, tamén se rexistra un aumento no número de editoriais que envían libros para que se expoñan no espazo, contando coa participación de 14 editoriais e manexando un volume de títulos que roldan os 250.

 

O obxectivo destas feiras é buscar a proxección tanto da industria editorial galega como da creación literaria dos autores e autoras da Comunidade, ofrecendo un espazo institucional. Ao abeiro destes datos, queda constatada a case plena recuperación da participación que se viu fortemente reducida por mor da covid-19.

 

 

Hábitos lectores da poboación galega

Este tipo de iniciativas impulsadas polo Goberno galego a prol da lectura buscan dinamizar o sector libreiro e tamén dar a coñecer a ampla produción literaria da Comunidade nos mercados internacionais.

 

Neste senso, cómpre destacar que en 2022 a lectura era o terceiro hábito cultural máis frecuente en Galicia, ocupando o 63,9% da poboación, por detrás de escoitar música e ver televisión. Ademais, a porcentaxe actual de persoas lectoras entre a poboación de 14 ou máis anos sitúase no 96,9%, indicador que alude a aquelas persoas que len algún tipo de material, en calquera formato ou soporte, polo menos unha vez ao trimestre.

 

No que se refire especificamente á lectura de libros, se atendemos só a razóns de ocio, o 62,9% dos galegos le libros no seu tempo libre, é dicir, sen contar razóns de estudo ou traballo, polo menos unha vez ao trimestre e un 52,4% un mínimo dunha vez á semana. En canto á lingua, o 61,2% dos lectores maiores de 14 anos len en galego ben sexa de maneira habitual ou ocasionalmente.

Comparte