Nova: A Xunta de Galicia contribúe con 85.000€ á organización da 17ª Feira Culturgal

21/10/2024

A Xunta de Galicia contribúe con 85.000€ á organización da 17ª Feira Culturgal

  • O Consello aproba o convenio coa asociación homónima para o desenvolvemento deste encontro, que reunirá público e profesionais da cultura galega do 29 de novembro ao 1 de decembro en Pontevedra
  • Esta colaboración esténdese á promoción directa de diferentes actividades tanto no expositor institucional como noutros espazos do recinto feiral

O Consello da Xunta aprobou hoxe o convenio anual coa Asociación Culturgal por importe de 85.000 euros para a organización da 17ª edición da feira homónima, que reunirá público e profesionais das industrias creativas galegas no Pazo da Cultura de Pontevedra do 29 de novembro ao 1 de decembro. Revalídase deste xeito a colaboración económica do Goberno galego con este encontro, cun progresivo incremento desta axuda nos últimos anos en consonancia co propio crecemento do evento.

 

Así, en 2024 o convenio volve dotarse coa mesma contía que en 2023, ano no que experimentou un aumento superior ao 30%. Esta cifra consolida o papel da Xunta de Galicia como principal entidade patrocinadora de Culturgal, á que apoia desde as súas orixes e á que tamén contribúe cada ano mediante a organización directa de diferentes actividades tanto no expositor institucional como noutros espazos do recinto feiral.

 

Na súa 17ª edición, a Feira das Culturas Galegas - Culturgal avanzará no proxecto emprendido o ano pasado pola súa nova dirección, no sentido de establecer conexións coa comunidade creativa e de incrementar a implicación activa de entidades de todo o territorio galego. Na súa dobre vertente como evento para profesionais e para o público xeral, refórzase o seu papel na difusión dos produtos e servizos culturais galegos cara á cidadanía, pero tamén como oferta cultural e lúdica para todas as idades cunha ampla programación de concertos, representacións escénicas, proxeccións audiovisuais, sinaturas de libros ou coloquios, entre outras actividades.

 

Culturgal é o proxecto cultural galego coa rede máis ampla de colaboradores asociativos e empresarias implicados na súa organización, que corre a cargo do colectivo integrado pola Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

Comparte