Nova: As bibliotecas de Entrimo e Oleiros gañan o premio á innovación bibliotecaria de Galicia 2024

22/10/2024

As bibliotecas de Entrimo e Oleiros gañan o premio á innovación bibliotecaria de Galicia 2024

O Diario Oficial de Galicia publica o recoñecemento ás dúas entidades polos proxectos que impulsan actividades a prol da lectura cunha dotación de 3.000 euros a cada unha

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2024

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar os galardoados da sétima edición do premio á Innovación bibliotecaria de Galicia. Foron elixidos os proxectos da Biblioteca Pública Municipal Tomás Liberio de Entrimo por Anímate a tecer, na categoría de entidades locais de ata 10.000 habitantes; e a Biblioteca Central de Rialeda de Oleiros, polo proxecto Ler para saber: a ciencia, para concellos de máis de 10.000 habitantes.

O galardón ten como obxectivo impulsar e dar visibilidade ás propostas de carácter innovador e ás boas prácticas levadas a cabo por estas entidades locais, valorando a súa orixinalidade. Trátanse de proxectos que satisfagan as necesidades das persoas usuarias. Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúa promovendo actividades a prol do libro e da lectura en Galicia, para satisfacer as necesidades das persoas usuarias.

Tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, inclúe dúas categorías, dotadas cada unha delas cun premio de 3.000€, en función da poboación da localidade, máis ou menos de 10.000 habitantes. Desta maneira, preténdese favorecer á participación de pequenas bibliotecas que, por contar con recursos máis limitados, puideran atopar dificultades para presentarse xunto con grandes centros.

Comparte