Nova: A aceleradora musical ‘Sonemerxente’ pecha a súa segunda edición tras meses de formación e preto de 50 accións promocionais dos seus 12 proxectos

23/10/2024

A aceleradora musical ‘Sonemerxente’ pecha a súa segunda edición tras meses de formación e preto de 50 accións promocionais dos seus 12 proxectos

A Xunta e Fundación Paideia Galiza colaboran por segundo ano consecutivo para impulsar as carreiras de novos talentos da música galega

Abril, Amoebo, Candela Liste, Catuxa Salom, Eris Mackenzie, Filloas, French Riviera, Futuro Alcalde, Habló Pablo, Javier Lago, Marián e Verter GZ comparten co público a súa experiencia como integrantes da segunda promoción deste programa

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2024

O Salón Teatro, en Santiago de Compostela, foi o escenario esta tarde do acto de peche da segunda edición de Sonemerxente, a aceleradora musical que a Xunta de Galicia desenvolveu en colaboración coa Fundación Paideia Galiza para contribuír ao despegue das carreiras dos 12 grupos e artistas seleccionados. Abril, Amoebo, Candela Liste, Catuxa Salom, Eris Mackenzie, Filloas, French Riviera, Futuro Alcalde, Habló Pablo, Javier Lago, Marián e Verter GZ compartiron co público a súa experiencia como integrantes desta segunda promoción da iniciativa, que desde o pasado mes de xaneiro desenvolveu un intenso programa formativo e preto de medio centenar de accións de visibilización destes proxectos.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, felicitounos pola “dedicación e profesionalidade” coa que se implicaron na aceleradora, contribuíndo a facer dela unha ferramenta “práctica e de utilidade” para o avance das súas respectivas carreiras e para “continuar a facer aínda máis grande e variada a música galega”. 

Na súa intervención, dirixiuse tamén a Guillermo Vergara, vicepresidente da Fundación Paideia, para agradecerlle o traballo de todo o equipo que colaborou na organización de Sonemerxente. Por segundo ano consecutivo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contou coa súa colaboración na xestión deste programa, que en 2024 dispuxo dunha dotación de 240.000 euros a través dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea.

Pola súa banda, os 12 proxectos seleccionados compartiron co público asistente os principais fitos destes nove meses de traballo, durante os que recibiron titorías individuais e grupais, participaron en obradoiros, gravaron videoclips ou produciron temas musicais con primeiras figuras do sector, ademais de protagonizar case cincuenta actuacións en festivais de música e outras citas culturais. 

Anxela Baltar, cantante e guitarrista de Bala, e Lúa Mosquetera, poeta referente do spoken word en Galicia, foron as encargadas de conducir este evento final, que pechou a música en directo de De Ninghures. Como integrante da primeira xeración da aceleradora Sonemerxente, esta banda de neofolk coincidiu con outros grupos e artistas que tamén están a despuntar na actual escena musical galega, como Mondra, Paraíso Canto, Samudra Trio, Zeltia Irevire, Adrian Timms, Ani Baires, Helena Egea, Hydn e Law.

Máis de 80 horas de titorías

A segunda entrega do programa da Xunta para lles brindar impulso a talentos emerxentes con especial potencial de proxección desenvolveu un intenso calendario de actividades, no que cada proxecto recibiu unha media de 85 horas de titorías grupais e individuais a cargo de 37 profesionais de primeiro nivel, como o músico Carlangas, a produtora e presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais, Patricia Hermida, ou a produtora e manager Aitana Cuétara. 

Tiveron tamén a oportunidade de traballar co realizador Xaime Miranda, quen acompañou a meirande parte dos participantes na creación dos seus videoclips, co produtor Juan de Dios Martín na realización de novos temas musicais ou coa directora de arte Laura Iturralde no deseño de escenografías e iluminación para os seus concertos. 

Abordaron, así mesmo, o discurso dos respectivos proxectos da man da actriz Mariana Carballal, a técnica vocal con Patricia Ferro, a creación musical co compositor Alberto Torres, a produción cos enxeñeiros de son Luis del Toro e Manuel Colmenero, as experiencias e estratexias no negocio da música en directo coa directora do WiZink Center, Paz Aparicio, e os seus plans de comunicación e materiais de lanzamento coas axencias The Office, Coma Comunicación e Trece Amararillo. Contaron, ademais, con Sergio Tejerina, mentor e formador en emprendemento, para desenvolver os seus plans de negocio e coa terapeuta Susana Corbacho para tratar dos temas que afectan especificamente ao benestar emocional das persoas artistas.

Sonemerxente centrouse igualmente na difusión dos proxectos participantes, aos que se lles facilitou preto de 50 accións de visibilización e promoción. É o caso das súas actuacións en festivais e eventos culturais organizados ou apoiados pola Xunta de Galicia, como o Festival de la Luz, O Son do Camiño ou o Nachiños Fest, e a participación en feiras como o V Encontro Profesional de Música MUMI ou nas residencias creativas da Fundación Paco de Lucía e do Náutico de San Vicente, no Grove.

Comparte