Nova: A Xunta incoa o procedemento para declarar o Xogo dos Birlos Ben de Interese Cultural inmaterial

24/10/2024

A Xunta incoa o procedemento para declarar o Xogo dos Birlos Ben de Interese Cultural inmaterial

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o inicio dos trámites para dotar a actividade da protección necesaria como unha manifestación da identidade galega

Coñecidos tamén como Bolos Celtas, trátase dunha práctica sobranceira, unha das principais formas de lecer no pasado, que foi transmitida ata os nosos días

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2024

A Xunta inicia o procedemento para declarar o Xogo dos Birlos de Galicia como Ben de Interese Cultural na categoría de patrimonio inmaterial, tal e como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia. Desta maneira, preténdese dotar esta práctica sobranceira coas máximas medidas de protección para salvagardala como unha manifestación da identidade galega e preservar a súa transmisión ás xeracións futuras.

Tamén coñecido como os Bolos Celtas, os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural valoran esta actividade de entretemento como unha tradición vinculada fortemente co pobo galego e coa súa forma de vida ao longo da historia, sobre todo no ámbito rural onde foi fundamentalmente conservada co paso do tempo. Indican tamén que a emigración espallou este enredo a outros países onde, incluso, se crearon asociacións ao seu redor que continúan a funcionar hoxe en día.

Así, desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude avógase por conservar esta forma de expresión con tan importante arraigo popular, considerando que os birlos foron unha das principais formas de lecer no pasado e motivo de unión entre comunidades, e dado que está diminuíndo a capacidade de transmisión a través da práctica e das persoas que gardan este saber nas súas distintas variantes espalladas por toda Galicia.

Unha sobranceira forma de lecer

Os primeiros poboadores de Galicia, do mesmo xeito que noutras partes do mundo, utilizaban a habilidade natural de lanzar para cazar tamén para distraerse e crear xogos. No territorio galego, esta práctica, consistente en facer rodar unha bóla de madeira contra unha serie pezas tamén de madeira co obxectivo de derrubalas,  desenvolveuse e conservouse no rural. Así, as partidas celebrábanse tradicionalmente nos días festivos e, sobre todo, nas festas patronais.

Na Idade Contemporánea este entretemento desprázase tamén ao ámbito urbano, mentres que ao longo de toda a Comunidade se atopan distintas variantes nas normas, coñecidas pola poboación de maneira oral, e enriquecendo hoxe en día o Xogo dos Birlos a nivel cultural. Deste xeito, destacan entre as distintas modalidades as seguintes: bolos do Val Miñor, bolos da Comarca de Viana do Bolo, bolos de Xove, bolos O Canteiro, bolos en liña, bolos do Barbanza e bolos A Cova.

A función social

A práctica do Xogo dos Birlos de Galicia ten un claro compoñente identitario, favorecendo a integración social a través da convivencia interxeracional e da capacidade de entendemento que conlevan os avatares do seu desenvolvemento. Ademais, potencia a inclusión, xa que pode xogar toda persoa independentemente da súa idade, orixe, xénero ou condición económica (pódese xogar con calquera tipo de materiais).

Comparte