Nova: A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra continúan en Vigo as reunións co sector cultural para enriquecer o Plan de usos do Teatro Cine Fraga
24/10/2024
A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra continúan en Vigo as reunións co sector cultural para enriquecer o Plan de usos do Teatro Cine Fraga
Representantes do Goberno galego e da institución provincial escoitan de primeira man ideas de representantes das artes escénicas, da música e do audiovisual
O director xeral de Cultura salienta que se busca facer partícipe á cidadanía da folla de ruta para facer deste espazo un referente cultural para Galicia e norte de España
Segue aberta ata finais deste mes de outubro a caixa de correo virtual, que xa ten recibido máis de 200 proxectos de entidades e veciñanza da cidade e da contorna
Estas iniciativas forman parte da campaña ‘O mellor espazo busca o mellor contido’ que se activou a finais de agosto cunha boa acollida e alto interese en involucrarse
Vigo, 24 de outubro de 2024
A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra reuniron a tarde de hoxe na sede da delegación territorial do Goberno galego en Vigo a representantes das artes escénicas, da musica e do audiovisual, dentro da liña de traballo aberta para a recollida de propostas e suxestións que permitan enriquecer o Plan de usos do Teatro Cine Fraga de Vigo.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sanchez, escoitaron de primeira man as ideas e iniciativas para este edificio emblemático da cidade olívica de personalidades como o creador Antón Reixa, os músico Amaro Ferreiro, Teo Cardalda, María Monsonís, a asociación cultural Évame Oroza, a representantes da Federación Galega de Teatro Afeccionado ou da Sala Ártika, entre outros membros e colectivos do sector escénico, musical e audiovisual de Vigo e da comarca.
As súas achegas súmanse ás que se recibiron na reunión da semana pasada con colectivos e entidades de música de base xunto coa que se recolleron a mediados de setembro no primeiro encontro aberto á cidadanía. Nesta primeira xuntanza participaron un cento de persoas e entidades que aportaron valiosas achegas para enriquecer o deseño do chamado a ser un centro cultural pioneiro e referente na Comunidade galega e no noroeste peninsular.
“Continuamos a facer, e dun xeito intenso, unha escoita activa, próxima e transversal”, explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, con respecto ao papel que están a desenvolver ambas as dúas administracións. Neste senso, incidiu no agradecemento polo “alto interese, xenerosidade e compromiso” que durante todo este tempo se está a “recibir e percibir” proveniente de parte de particulares e colectivos do sector cultural de Vigo e da contorna. “Emociona a alta implicación en darlle unha nova vida a este valioso espazo, tanto para a cidade como para toda a comunidade”, valorou.
Caixa de correo virtual aberta ata finais de outubro
Precisamente, Anxo M. Lorenzo atribuíu o interese que ten espertado a “recuperación e incorporación a unha activa vida cultural” do Teatro Cine Fraga á decisión de ter ampliado un mes máis a caixa de correo virtual, posta en marcha a finais de agosto, que tamén ten como obxecto recoller en liña propostas, suxestións e ideas de cara ao deseño do futuro Plan de usos.
Ao respecto, o director xeral de Cultura salientou “a boa acollida” desta iniciativa, que forma parta da campaña O mellor espazo busca o mellor contido, xa que destacou que se teñen recibido máis de 200 propostas. En todo caso, animou a particulares e entidades a seguir participando tamén por esta vía virtual co envío de propostas e proxectos a propostas@teatrofraga.gal.