Nova: Belén do Campo destaca o incremento de apoio da Xunta nas contas de 2025 ao Consorcio para a Promoción da Música para axudar a recuperar o seu equilibrio financeiro
25/10/2024
Belén do Campo destaca o incremento de apoio da Xunta nas contas de 2025 ao Consorcio para a Promoción da Música para axudar a recuperar o seu equilibrio financeiro
O Goberno autonómico aportará 3,3 millóns de euros no 2025 fronte aos 3 millón de euros do ano pasado
A delegada da Xunta destacou o papel fundamental que desempeña esta entidade no fomento da vida cultural na Coruña, situando á cidade como un referente no ámbito musical a nivel rexional, nacional e internacional
A Coruña, 25 de outubro de 2024
A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto ao director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, José María Barreiro, participaron, esta mañá, na Xunta de Goberno do Consorcio para a Promoción da Música. Belén do Campo participou por primeira vez, en representación da Xunta de Galicia.
A delegada da Xunta destacou que “o Consorcio para a Promoción da Música desempeña un papel fundamental no fomento da vida cultural na Coruña, situando á cidade como un referente no ámbito musical a nivel rexional, nacional e internacional”. Neste senso, subliñou que “a través do seu labor, o Consorcio organiza e promove unha ampla oferta de eventos e concertos que achegan a música clásica, sinfónica e contemporánea a todos os públicos”.
Entre as súas iniciativas máis destacadas atópanse a xestión da Orquestra Sinfónica de Galicia e a creación de ciclos e festivais que dinamizan a axenda cultural coruñesa, consolidando A Coruña como un espazo onde a música é accesible e valorada por cidadáns de todas as idades. Grazas ao apoio continuo da Xunta, A Coruña segue apostando por unha oferta musical de calidade que enriquece o fortalece o tecido cultural da Coruña.
A representante do Goberno autonómico aproveitou este encontro para informar do aumento do orzamento, pasando de 3 M€ a 3,3 M€ nas contas de 2025. A partida responde, indicou Belén do Campo “á protección da excelencia artística da Orquestra Sinfónica de Galicia e á continuidade dos importantes proxectos educativos e didácticos que desenvolve a entidade”. Neste senso, subliñou que a Xunta de Galicia cumpre a palabra dada de incrementar o seu apoio para axudar a recuperar o equilibrio económico que tanto precisa o Consorcio e tamén para poder seguir expandindo a súa actividade.