Nova: A Xunta continúa co plan de intervencións arqueolóxicas con actuacións no Castro de Cameixa

28/10/2024

A Xunta continúa co plan de intervencións arqueolóxicas con actuacións no Castro de Cameixa

Esta semana comezan neste espazo de Boborás tarefas de consolidación, restauración e acondicionamento destinadas a seguir coa súa investigación e revalorización

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega 17.300€ para esta nova campaña que dá continuidade á iniciada en 2018

O orzamento total dedicado a este enclave nos últimos 6 anos supera os 75.000€

O Goberno galego impulsa oito actuacións na provincia de Ourense repartidas en 10 localidades

Ourense, 28 de outubro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Boborás para, da man da súa alcaldesa, Patricia Torres, supervisar o comezo dos novos traballos de consolidación e acondicionamento no Castro de Cameixa, co obxectivo de ampliar a súa investigación e revalorización. A actuación enmárcanse no Plan de intervencións arqueolóxicas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que neste ano contempla un total de 32 accións en 30 concellos de todo o territorio.

Manuel Pardo explicou que, cun orzamento de 17.300€, estas tarefas veñen dar continuidade ás campañas anteriores, realizadas desde 2018, para favorecer a posta en valor deste sitio histórico de obrigada referencia na bibliografía especializada porque permitiu reformular os distintos períodos da cultura castrexa. Así, con esta nova actuación, o Goberno galego leva investido ata o momento no xacemento máis de 75.000€.

Os labores, cun período estimado de 15 días, concéntranse en limpezas e roza de vexetación da contorna, na diagnose do estado de conservación e na consolidación dos restos arqueolóxicos descubertos. Ademais, tamén se fará un levantamento topográfico en tres dimensións da área de actuación e un debuxo das estruturas exhumadas. Todo isto complétase coa recollida de mostras e documentación gráfica.

Oito intervencións arqueolóxicas na provincia de Ourense

Na provincia de Ourense, con oito accións en 10 localidades, o Goberno galego colabora cos concellos na recuperación patrimonial da Cibdá de Armea en Allariz, un xacemento castrexo romanizado no que se está a intervir, e na posta en valor do antigo mosteiro de San Xoán de Camba en Castro Caldelas, con labores que están aínda por comezar. Tamén na revalorización da cámara megalítica e o seu túmulo na mámoa 1 de Veiga de Maus Salas, en Muíños.

Ademais, este verán levouse a cabo a limpeza e roza de vexetación nos castelos da Limia, titularidade da Xunta, un conxunto composto pola Torre do Castro, no concello de Sandiás, o Castelo da Pena, en Xinzo de Limia, e a Torre de Firbeda, en Porqueira.

A estes proxectos, súmanse en Avión os traballos de escavación e conservación previstos no Castro de San Vicenzo; en  Beariz, a escavación e consolidación artellada sobre o Castro de Garfián; en Boborás, a actuación contemplada no Castro de Cameixa, e, en Nogueira de Ramuín, varios procesos en execución que teñen que ver co mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, coa paraxe de Santa Baia e coa capela de San Miguel de Canal.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fai un investimento total no Plan de intervencións arqueolóxicas 2024 de 551.162€, destinando á provincia de Ourense 166.400€.

Comparte