Nova: A Xunta garante recursos para a constitución da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres

30/10/2024

A Xunta garante recursos para a constitución da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres

López Campos salienta a importancia de impulsar esta entidade para darlle pulo a “unha das principais iconas de Galicia, xunto co himno, a bandeira e o escudo”

O encontro serve para avanzar na súa creación, abordando a cantidade de capital a aportar por cada unha das entidades e a designación dos seus representantes

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2024

A Xunta garantiu hoxe os recursos necesarios para a constitución e posta en funcionamento da futura Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, entidade que estará presidida polo Parlamento de Galicia e que contará coa participación do Executivo autonómico, do Concello e da Arquidiocese de Santiago. Así se comprometeu o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, Xosé López Campos, na reunión con representantes destas institucións, integrantes do Padroado, para abordar varias cuestións necesarias para a redacción do estatuto fundacional de cara a súa posta en marcha.

López Campos participou neste encontro no Pazo do Hórreo xunto co presidente do Paramento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, e o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, co obxecto de impulsar a creación desta institución ao redor “dunha das principais iconas de Galicia xunto co himno, a bandeira e o escudo”, enxalzou.

O conselleiro de Cultura lembrou que a constitución desta fundación está recollida ao abeiro da Lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, aprobada por unanimidade en agosto de 2023 co respaldo de diferentes institucións e entidades, co obxecto de recoñecer este espazo —que atinxe á igrexa de San Domingos de Bonaval e parte do terreo público municipal que o rodea— “como un símbolo da identidade de Galicia e un lugar de referencia no devir da conciencia das novas xeracións”.

Ao respecto, fixo fincapé no feito de que neste monumento repousan “algún dos nosos devanceiros máis ilustres”, en referencia aos restos dos escritores e intelectuais como son Rosalía de Castro, Castelao, Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas e Domingo Fontán.

Capital fundacional e representantes das institucións

Para avanzar nesta constitución, a reunión celebrada hoxe —a instancias do Parlamento de Galicia— tivo como obxecto abordar a cantidade do capital fundacional, establecido en 30.000€, que deberán aportar cada unha destas catro institucións. Ademais, tamén se analizou a designación da persoa, que en representación de cada institución, formará parte do Padroado da Fundación de Galegas e Galegos Ilustres.

A maiores, seguindo deste xeito o establecido por lei, a Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres —ademais de estar presidida pola persoa titular da Presidencia do Parlamento de Galicia— contará como membros do Padroado ás persoas integrantes da Mesa do Parlamento e mais aquelas en representación da Xunta, do Concello de Santiago e da Arquidiocese de Compostela.

Comparte