Nova: A Xunta chega a Curtis no percorrido de encontros con distintos axentes para informar da Rede Adival
30/10/2024
A Xunta chega a Curtis no percorrido de encontros con distintos axentes para informar da Rede Adival
Trátase da terceira das reunións territoriais programadas polo Goberno galego con distintas institucións, equipamentos, xestores ou asociacións
Anxo M. Lorenzo destaca o obxectivo de “unir esforzos para crear, cunha ferramenta común, unha programación cultural sólida no rural galego”
A medida vai en consonancia coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia que se prevé aprobar a finais de ano
Curtis (A Coruña), 30 de outubro de 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, continuou hoxe en Curtis a rolda de xuntanzas territoriais que, ao longo destas semanas, está a manter con xestores e industrias culturais, equipamentos museísticos, federacións, asociacións e fundacións, entre outras entidades, para dar a coñecer de primeira man a Rede Adival de dinamización da cultura no rural de Galicia e escoitar as propostas e suxestións dos axentes implicados.
Tal e como explicou o representante da Xunta, a iniciativa nace co obxectivo de “xuntar esforzos e crear, a través dunha ferramenta común, unha programación cultural no rural galego que sexa o máis estable e sólida posible”. Deste xeito, sostivo, “con estas reunións tratamos de involucrar directamente aos entes de cada zona para que coñezan as vantaxes que lles aporta a creación deste circuíto e dialogar con eles sobre as súas suxestións”.
A iniciativa, tal e como lembrou Anxo M. Lorenzo, vai en consonancia coa Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia que se prevé aprobar a finais de ano co propósito de que “o lugar de residencia, a idade, ou calquera outra cuestión, non sexan un condicionantes á hora de poder gozar da mellor oferta cultural”.
Con estas xuntanzas continúan os movementos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de cara a contar nos vindeiros meses co documento no que quede definido o organigrama da Rede Adival, concibida como unha asociación de carácter voluntario que aglutinará a entidades sen ánimo de lucro e que suporá, subliñou o responsable da área de Cultura da Xunta, un “a ampliación de oportunidades no que ten que ver coa actividade cultural para a poboación que vive fóra das áreas urbanas”.
Liñas de actuación
A posta en marcha da iniciativa persegue ampliar a oferta cultural en todo o territorio, ademais de favorecer a diversidade de propostas e o intercambio rural-urbano. Así, entre as súas liñas de actuación figura o deseño dunha programación cultural propia, na que se contemple a itinerancia de ciclos polas entidades adheridas.
Tamén quedarán estipuladas as subvencións ás que terán acceso os integrantes, así como un servizo de asesoramento e un plan de formación. A elaboración dun programa de mediación que axude aos participantes na Rede na composición das súas actividades, tendo en conta os seus recursos e públicos, é outra das vantaxes das que se beneficiarán.