Nova: López Campos visita o equipo de ‘Onte á noite conquistei Tebas’ na súa rodaxe nas termas romanas de Bande

31/10/2024

López Campos visita o equipo de ‘Onte á noite conquistei Tebas’ na súa rodaxe nas termas romanas de Bande

A Xunta de Galicia cofinancia esta coprodución galego-portuguesa cunha axuda de máis de 255.000 euros a Filmika Galaika

O complexo arqueolóxico Aquis Querquennis é o escenario para esta historia sobre a amizade a través dos séculos coa que Gabriel Azorín debuta na dirección de longametraxes

Bande (Ourense), 31 de outubro de 2024

O complexo arqueolóxico Aquis Querquennis, no concello ourensán de Bande, é o escenario principal da coprodución galego-portuguesa Onte á noite conquistei Tebas, debut de Gabriel Azorín na dirección de longametraxes, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través das axudas para produción audiovisual e para o desenvolvemento previo do proxecto. Alí traballa desde finais de setembro o equipo do filme, encabezado por Filmika Galaika, que hoxe recibiu a visita do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para asistir á gravación dalgunhas das secuencias no campamento romano.

O responsable de Cultura do Goberno galego, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, felicitou o director do filme e a súa produtora executiva, Beli Martínez, polo avance dos traballos que deron comezo o pasado mes de setembro. Subliñou que se trata dunha das sete filmacións de proxectos subvencionados pola Xunta desenvolvidas durante este segundo semestre do ano en diferentes localizacións galegas, feito que pon de manifesto a capacidade técnica, empresarial e artística da nosa industria audiovisual.

Ademais das axudas para a súa rodaxe, a meirande parte destas producións contaron tamén co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude nas fases previas dos proxectos. É o caso de Onte á noite conquistei Tebas, para a que Filmika Galaika dispón dunha subvención de máis de 255.000 euros a través da convocatoria para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, ademais de recibir previamente 20.000 euros para o proceso de preprodución.

Galego, portugués e latín

A amizade é o tema central da primeira longa de Gabriel Azorín, quen conta cun reparto e un equipo internacional para rodar en galego, portugués e latín dúas historias separadas por máis de 2000 anos: a de dous rapaces portugueses dun pobo da serra do Gêres que van pasar a tarde ás termas de Bande e a de dous dos soldados romanos que as construíron.

Filkmika Galaika asociouse a DVEIN Films e á produtora portuguesa Bando à Parte para levar a cabo este filme, que na súa fase de desenvolvemento obtivo xa o premio ao mellor proxecto no foro de coprodución do Festival de Sevilla, ademais de ser seleccionado para as residencias Ikusmira Berriak do Festival de San Sebastián, as da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España e La Incubadora de ECAM Industria.

Premio para A parra

Outra produción de Filmika Galaika subvencionada pola Xunta, A parra, de Alberto Gracia, vén de obter ademais o gran premio da sección Alquimias da Seminci de Valladolid, onde tivo a súa estrea estatal tras se presentar mundialmente no Festival Internacional de Cine de Rotterdam.

 Neste segundo semestre do ano, son xa sete as rodaxes audiovisuais que acolle Galicia con financiamento mediante diferentes convocatorias da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Ademais de Onte á noite conquistei Tebas, tamén recibiron axudas á produción ou coprodución a serie galego-portuguesa Lume e os filmes Antes de nós, de Zenit TV con Ángeles Huerta na dirección; Tralovento, de Eloy Domínguez Serén con Zeitun Films, e As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns con Sétima. A nosa Comunidade é igualmente o escenario de Romería, de Carla Simón, e Rondallas, de Daniel Sánchez Arévalo, apoiadas a través do fondo para a atracción de rodaxes.

Comparte