Nova: Xunta e Fundación Paideia achéganlle ao público unha nova mirada do sector musical a través do primeiro ‘Encontro de Música Aberta’

02/11/2024

Xunta e Fundación Paideia achéganlle ao público unha nova mirada do sector musical a través do primeiro ‘Encontro de Música Aberta’

Terá lugar o vindeiro 6 de novembro nos Estudios Mans da Coruña coa participación do multiinstrumentista Abraham Cupeiro, do grupo de fusión indie-folk Soleado ou da creadora plástica Laura Iturralde, entre outros artistas e profesionais

A iniciativa nace co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais para ofrecer unha xornada profesional e lúdica aberta a toda a cidadanía e centrada na formación, o debate e o ‘networking’

Baixo o lema ‘Estamos en sintonía’, a cita, de entrada libre previa inscrición, dará comezo cunha edición especial do programa de Radio 3 ‘Hoy empieza todo’

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2024

A primeira edición do Encontro de Música Aberta, organizado pola Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza, terá lugar o vindeiro martes 6 de novembro na sede dos Estudios Mans, na Coruña, co obxectivo de conectar o sector musical galego con todos os públicos mediante unha xornada centrada na formación, o debate e o networking.

Baixo o lema Estamos en sintonía, participarán na iniciativa o artista Abraham Cupeiro, co seu singular espectáculo Resoando no pasado e cunha masterclass de creación de instrumentos, e o dúo Soleado, novo grupo de fusión indie-folk formado polo guitarrista e compositor de Vetusta Morla Juanma Latorre e a cantante e compositora Ester Rodríguez, que ofrecerá un showcase comentado. O diálogo chegará da man de Laura Iturralde, quen moderará a conversa creativa Show Must Go On!: da teoría á práctica dos espectáculos en vivo, xunto aos artistas Marta Verde, Teresa Tresandí e Víctor García Aka Death Whistle.

Ademais disto, o Encontro de Música Aberta arrancará xa ás 7,00 h. da mañá coa emisión en aberto e con público en directo do programa de Radio 3 Hoy empieza todo, conducido pola xornalista Irene Valiente.

Maior participación e visibilidade

O Encontro de Música Aberta nace coa finalidade de impulsar a profesionalización da actividade musical emerxente en Galicia e de promover os novos talentos do noso territorio, ademais de apoiar o potencial dos e das profesionais como axentes de transformación social. Busca tamén favorecer a participación e a expresión das novas figuras do sector, mellorando os seus coñecementos profesionais e sobre a industria musical da nosa contorna, e promover as oportunidades de diálogo de artistas noveis con axentes, promotores e outros perfís profesionais relevantes da industria.

Deste xeito, a Xunta e Paideia unen esforzos e avanzan nos seus proxectos en común para contribuír ao desenvolvemento e á innovación no sector da música emerxente en Galicia, despois de ter levado a cabo outras iniciativas compartidas nos últimos anos, como as dúas edicións da aceleradora de música Sonemerxente ou distintas convocatorias das Xornadas Industrias Musicais.

Mediante a implicación de figuras punteiras e recoñecidas da industria musical no Encontro de Música Aberta, faise agora unha aposta polo coñecemento, o intercambio, o debate, o encontro e a reflexión, poñendo o foco dun xeito lúdico e atractivo nas novas tendencias do sector. Búscase, ademais, crear as condicións necesarias para que os proxectos musicais emerxentes teñan unha maior capacidade de profesionalización, así como os recursos necesarios para a posta en valor do seu talento e potencial, conseguindo maior visibilidade e presenza no mercado.

O Encontro está aberto a todos os públicos, profesionais emerxentes ou consolidados, e persoas amantes da música ao vivo en xeral, que busquen descubrir ou avanzar nos seus proxectos a través de ferramentas como a formación, o debate e o contacto cos principais axentes da industria na actualidade. Así, o acceso a esta primeira edición é libre, con inscrición previa a través da plataforma da Fundación Paideia Galiza.

Comparte