Nova: A Xunta celebra o Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas con varias actividades en Lugo para o público infantil
04/11/2024
A Xunta celebra o Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas con varias actividades en Lugo para o público infantil
A Biblioteca Pública da capital lucense acollerá maxia e obradoiros e a Furgoteca levará accións divulgativas a Pedrafita do Cebreiro, O Incio e Cervantes
Lugo, 4 de novembro de 2024
A Xunta impulsa varias actividades en Lugo para celebrar en novembro o Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas da rede pública da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como nas bibliotecas escolares. O obxectivo desta iniciativa é sensibilizar sobre o valor de empregar o galego na divulgación científica.
O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe a Biblioteca Pública da Xunta na capital lucense, que acollerá catro accións enfocadas ao público infantil. A primeira será este venres, 8 de novembro, da man do mago David Méndez. Os asistentes poderán experimentar a maxia dos enganos visuais no espectáculo A óptica das ilusións.
Tamén están previstos tres obradoiros, un de alimentación saudable o 15 de novembro; Electrízate, o 22 de novembro, que ensinará aos nenos e nenas algúns fundamentos da electricidade e da tecnoloxía de maneira amena; e Vivir nas nubes, o 29 de novembro, un orixinal taller que convida a aprender a construír nubes a través da tecnoloxía da arquitectura inflable.
Ademais, a Furgoteca da Xunta levará experiencias de divulgación científica a varios concellos. Así, o CPI Uxío Novoneira de Pedrafita do Cebreiro e o CEIP Ricardo Gasset do Incio acollerán os días 5 e 22 de novembro, respectivamente, a presentación do Libro de experimentos abracadabrantes de Hugo Comas, na que un dos autores, Sergio Castro, fará unha serie de experimentos que axudarán a comprender conceptos científicos.
Así mesmo, o CPI de Cervantes albergará o 21 de novembro a presentación do libro Mulleres negras na ciencia, coa intervención da autora, Zinthia Álvarez Palomino.