Nova: Rueda destaca o Hemato Festi como un xeito de honrar ao conxunto da cultura galega e a figura de Miguel Ángel López ‘El Hematocrítico’

09/11/2024

Rueda destaca o Hemato Festi como un xeito de honrar ao conxunto da cultura galega e a figura de Miguel Ángel López ‘El Hematocrítico’

Agradece aos organizadores, Ledicia Costas e Alberto Vázquez, por facer realidade este festival, reflectindo o espírito alegre e creativo do homenaxeado

Desexou que “sexa o principio de algo que se ten que consolidar porque a persoa que recordamos o merece de sobra”

Vigo, 9 de novembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o nacemento do Hemato Festi como un xeito de honrar e homenaxear “á cultura galega, que o merece de sobra” e a figura de Miguel Ángel López, máis coñecido como El Hematocrítico, no primeiro aniversario do seu pasamento.

Así o sinalou durante a presentación da xornada Queremos literatura infantil, enmarcada nos cinco días que dura o festival con distintas actividades na cidade de Vigo. “Dedicar estes cinco días á literatura infantil en galego e tamén en castelán, ao traballo de tantos profesionais, a todos os que o coñeceron e o van seguir coñecendo por todo legado que deixou, espero que sexa o principio de algo que se ten que consolidar”, apuntou.

Neste sentido, Rueda agradeceu aos organizadores, Ledicia Costas e Alberto Vázquez, por facer realidade este proxecto, reflectindo o espírito alegre e creativo do homenaxeado, quen soubo ver na literatura infantil unha ferramenta poderosa para transformar a sociedade e transmitir valores como a igualdade, a amizade e a xustiza.

Neste sentido, subliñou a empatía que profesaba El Hematocrítico á hora de “facer comentarios de moitas cousas do día a día con ese toque que lle daban tantos anos de mestre, ese neno grande que seguro que levaba dentro”, ao mesmo tempo que avogou porque “esa mestura de humor e sorpresa que sempre dedicaba a todo o que facía e que reivindicamos estes días” non deixar que nunca se esqueza.

Comparte