Nova: O valor educativo das exposicións do Museo Gaiás atrae 434 grupos de escolares e esgota as prazas de visitas didácticas dispoñibles para este ano

10/11/2024

O valor educativo das exposicións do Museo Gaiás atrae 434 grupos de escolares e esgota as prazas de visitas didácticas dispoñibles para este ano

O Servizo de Educación do Museo pechará 2024 atendendo a máis de 7.300 estudantes de 196 centros de ensino de Galicia

As exposicións —con ‘Tesouros reais’ e ‘Unha vida viquinga’ como grandes mostras internacionais deste 2024— e tamén a instalación inmersiva ‘Hábitats’, entre as visitas máis demandadas polos grupos escolares

Está aberta a reserva para grupos de alumnado que visiten o Gaiás durante a primeira metade do vindeiro ano 2025, no marco dunha saída didáctica

Ademais da oferta da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude especialmente concibida para centros de ensino, o público xeral tamén pode gozar de visitas ás exposicións do Museo

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2024

A Cidade da Cultura ten xa completas as quendas dispoñibles ata final deste ano para que o alumnado galego se achegue a coñecer as propostas expositivas do Museo Centro Gaiás a través dunha saída escolar. O equipo de Educación e Didáctica do museo pechará así 2024 atendendo a máis de 5.200 estudantes en visitas ás exposicións e arquitectura do Gaiás, ao que habería que sumar outros 2.102 alumnos e alumnas que visitaron a instalación inmersiva Hábitats, natureza estendida no marco dunha saída didáctica co seu centro escolar.

No seu conxunto, o Museo Centro Gaiás pechará pois 2024 recibindo a máis de 7.300 estudantes de 196 centros de ensino de Galicia, nun total de 434 grupos de visita á arquitectura e exposicións do Museo e á instalación de realidade virtual inmersiva Hábitats, natureza estendida.

A mostra internacional Unha vida viquinga é a proposta que está a centrar a oferta didáctica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na Cidade da Cultura para este trimestre escolar, ao ter unha forte demanda por parte dos grupos escolares que visitan o museo, e que esgotaron xa a oferta dispoñible para coñecer esta exposición, desenvolvida en colaboración con Museos Nacionais de Historia e Arqueoloxía de Suecia, Dinamarca, Francia e España. Está xa tamén aberta a reserva para grupos escolares que visiten o Gaiás durante a primeira metade do vindeiro ano, no marco dunha visita didáctica.

Programa didáctico do Museo Centro Gaiás

A Cidade da Cultura desenvolve desde 2012 un consolidado programa didáctico, baixo o convencemento de que as visitas vencelladas á cultura e á arte, e as actividades fóra da aula no seu conxunto, son unha valiosa e amena ferramenta pedagóxica na docencia. Ao longo de máis dunha década, milleiros de alumnos e alumnas de toda Galicia achegáronse ás exposicións, natureza e arquitectura do Gaiás da man desta oferta educativa que, durante os anos da pandemia incorporou ademais a posibilidade de realizar visitas didácticas en liña a través de videoconferencia.

Visitas para público xeral ás exposicións do Museo Centro Gaiás

Ademais, o Museo Centro Gaiás conta diariamente con quendas de visitas regulares ás exposicións dirixidas a público xeral, que viron reforzada a súa oferta ante o elevado interese neste xeito de coñecer as exposicións do Museo, dun xeito ameno e didáctico, conducidas polo equipo de guías da Cidade da Cultura. Todas elas son de balde, con reserva de praza a través da web cidadedacultura.gal.

En 2024, as exposicións Unha vida viquinga e Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum bateron marcas nas cifras de participantes e grupos de visitas ofertadas ao público, chegando a dispor de ata catro quendas de visita diarias. Concretamente, Tesouros reais pechou a súa estancia en Compostela recibindo 40.000 visitantes dos cales preto de 8.000 (case un 20%) participaron nunha das visitas guiadas ofertadas polo Servizo de Educación do Museo Centro Gaiás.

Comparte