Nova: A Xunta promove a creatividade entre a mocidade universitaria no X Concurso Literario Mazarelos
11/11/2024
A Xunta promove a creatividade entre a mocidade universitaria no X Concurso Literario Mazarelos
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, entrega os galardóns a Sara Porto Puente, Brais Neira Ferro, Daniel Chapela e Noelia Rivas Cantelar
Na cita, pon en valor a colaboración do Goberno autonómico en certames que fomentan a produción de textos en galego de todos os xéneros
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe, na Facultade de Filoloxía, na entrega dos premios do X Concurso Literario Mazarelos, onde puxo en valor a colaboración do Goberno galego na promoción da creatividade entre a mocidade universitaria e o uso da lingua galega nos textos literarios de todos os xéneros.
No marco deste acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou “a necesidade de ofrecer certames que inciten á mocidade á produción de textos de todos os xéneros literario e, sobre todo en galego”. Neste senso, agradeceu á Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía por convocar anualmente estes premios xa consolidados no eido universitario.
Deste xeito, o secretario xeral da Lingua sinalou a necesidade de seguir fomentando a creación, axudando así a descubrir os novos talentos que hai Galicia. “Hai que destacar o bo momento que está a vivir a nosa literatura, por iso desde a Xunta de Galicia non imos deixar de promover iniciativas culturais que se adapten a todos os xéneros literarios e a todos os públicos”, engadiu Valentín García.
Así, o primeiro premio do Concurso literario Mazarelos recaeu en Sara Porto Puente, pola historia Inmersións do mito da Apocalipse. O segundo galardón foi para Brais Neira Ferro, polo relato Febres Sonámbulas, e en terceiro lugar quedou Daniel Chapela, co texto Amelia. Ademais, tamén se concedeu o accésit a Noelia Rivas Cantelar, pola historia A gheada nunca che quedou ben.