Nova: Anxo M. Lorenzo destaca o traballo fotográfico de Glorianna Ximendaz na presentación de ‘Orixe’

14/11/2024

Anxo M. Lorenzo destaca o traballo fotográfico de Glorianna Ximendaz na presentación de ‘Orixe’

A artista foi a gañadora do XI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, certame impulsado pola Xunta de Galicia, a asociación Outono Fotográfico e a Deputación de Lugo que inclúe tamén a publicación do libro

O galardón promove novos creadores neste eido e impulsa as súas carreiras internacionalmente

Ourense, 14 de novembro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do libro Orixe, de Glorianna Ximendaz, gañadora do XI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, un galardón impulsado pola Xunta de Galicia, a asociación Outono Fotográfico e a Deputación de Lugo co obxectivo de promover novas creacións nesta disciplina. O acto, que tivo lugar na libraría Eixo de Ourense, contou, entre outros, coa asistencia do director de Outono Fotográfico, Xosé Lois Vázquez.

Nesta cita, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a importancia deste galardón como promotor de novos creadores no eido da fotografía ao tempo que supón un importante impulso cara ao exterior para os artistas. Deste xeito, puxo en valor o traballo feito pola fotógrafa neste ensaio que dá a coñecer unha viaxe entre o pasado e o presente, a través da colaxe de fotografías das súas devanceiras e outras propias que tratan sobre a violencia de xénero en América Latina.

A publicación do libro forma parte do premio deste certame dotado cun único galardón que consiste na edición da obra e na produción dunha exposición temporal que se inaugurará en Lugo e que itinerará durante dous anos. No caso de Orixe, a mostra puido verse no Pazo de San Marcos, a sede da Deputación Provincial de Lugo, e por outras localidades de Galicia e Portugal.

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea naceu en 2013 co obxectivo de promover esta arte e fomentar a creación dun espazo fotográfico en Galicia que complemente ao Outono Fotográfico. Nas últimas edicións os recoñecementos premiaron o traballo de Joan Alvado, Lois Cid, Patricia Barbosa ou na edición deste 2024, a Carlos Folgoso.

Glorianna Ximendaz, nacida en San José, Costa Rica, en 1992, é unha artista cunha obra centrada na divulgación social e conectada coas historias persoais e colectivas de resistencia e superación, empregando a fotografía como ferramenta de concienciación e sensibilización. En paralelo á súa produción artística, é fotoxornalista e documentalista.

Comparte