Nova: A Xunta pecha ‘Ópticas contemporáneas’ cun concerto da Real Filharmonía de Galicia que revisa en clave minimalista As catro estacións de Vivaldi

15/11/2024

A Xunta pecha ‘Ópticas contemporáneas’ cun concerto da Real Filharmonía de Galicia que revisa en clave minimalista As catro estacións de Vivaldi

A orquestra interpretará este sábado no Gaiás ‘The Four Seasons Recomposed’, obra do influente compositor actual Max Richter que refai nota a nota o clásico barroco

O público galego respondeu ás propostas desta edición esgotando as entradas para as tres actuacións

O ciclo aposta pola creación musical máis recente con propostas multidisciplinares que conectan coa música clásica, a antropoloxía ou recuperan sons da antigüidade

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2024

A Real Filharmonía de Galicia pon o ramo este sábado ao ciclo Ópticas contemporáneas organizado pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura. Será un concerto especial no que a orquestra, dirixida por Baldur Brönnimann, interpretará unha das obras máis famosas de Vivaldi, As catro estacións, pero na versión minimalista que reimaxinou o influente compositor británico-alemán Max Richter.

The Four Seasons Recomposed (As catro estación recompostas) é unha obra que deconstrúe a partitura clásica nota a nota sen renunciar á súa esencia. Aínda que Richter afirma que desbotou tres cuartas partes do material do compositor italiano, é posible recoñecer nesta interpretación contemporánea frases do orixinal, así como a tonalidade particular de cada estación.

A peza, creada no ano 2012 cun grande éxito entre crítica e público, logrou un renovado interese recentemente grazas á serie de Netflix, Bridgerton, que fixo viral un fragmento da composición nas redes sociais.

Richter é coñecido a nivel internacional pola súa fusión de música clásica con electrónica, interpretada en teatros e auditorios de todo o mundo e tamén en producións audiovisuais como os filmes Arrival e Ad Astra, ou as series The Leftovers e Black Mirror, entre outras moitas.

Entradas esgotadas para todo o ciclo

Ópticas contemporáneas espertou nesta segunda edición un grande interese entre o público galego, que esgotou as entradas para as tres propostas do ciclo. O programa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude arrincou coa estrea dunha peza creada especificamente para o coñecido multinstrumentista Abraham Cupeiro polo compositor compostelán Fernando Buide e interpretada xunto co ensemble Música Práctica, na que volveron escoitar os sons de instrumentos ancestrais como o carnyx celta, o aulos grego e o cornu romano.

A segunda proposta foi o exercicio multidisciplinar Mudar a pel, unha obra que conecta antropoloxía, paisaxes sonoras, arte e literatura para abordar problemáticas sociais como a saúde mental, a degradación ambiental, as violencias ou a perda de dereitos. Trátase dun proxecto nacido na primeira residencia de investigación e experimentación artística promovida polo Incipit-CSIC e a Cidade da Cultura.

Comparte