Nova: A Xunta adxudica dez bolsas de formación en galego no Centro Ramón Piñeiro de investigación
16/11/2024
A Xunta adxudica dez bolsas de formación en galego no Centro Ramón Piñeiro de investigación
O Diario Oficial de Galicia publica a resolución destas axudas que destinan máis de 250.000€ á investigación e á especialización da mocidade universitaria
A iniciativa forma parte do traballo que ten en marcha o Goberno autonómico para prestixiar e impulsar o uso da lingua galega
Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2024
A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a adxudicación de 10 bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades, unhas axudas formativas nas que o Goberno autonómico inviste 266.414€ e coas que busca cada ano fomentar a formación e a capacitación das persoas con titulación universitaria, promovendo ao mesmo tempo o ensino, a cultura e a investigación en lingua galega.
Esta iniciativa forma parte do compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para prestixiar e impulsar o uso da lingua galega en toda a sociedade. Inclúese así na folla de ruta iniciada pola Administración autonómica e na que tamén están previstas outras medidas como a posta en marcha de máis de 100 cursos de cultura e lingua galegas para persoas nacidas fóra da Comunidade ou, no eido tecnolóxico, a continuación do Proxecto Nós.
No caso concreto destas bolsas, que comezarán o vindeiro 1 de decembro e rematarán o 30 de novembro de 2026, incentívase a investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua galega ao tempo que se contribúe á especialización das persoas universitarias mediante a súa participación nalgúns dos proxectos desenvoltos na actualidade no Centro Ramón Piñeiro.
Nesta ocasión, os proxectos nos que participarán as persoas adxudicatarias das bolsas son: Bibliografía da literatura galega, Fraseoloxía Galega, Corpus de referencia do galego actual (Corga), Cantigas de Santa María, Prosa literaria medieval, Terminoloxía científico-técnica, Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala, Base de datos do Atlas Lingüístico Románico, Dicionarios de literatura e Literatura infantil e xuvenil.
O Centro Ramón Piñeiro, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, como institución de referencia en estudos de fundamentación e investigación filolóxicos, literarios e antropolóxicos, potencia o prestixio crecente da lingua galega entre as linguas románicas, fomentando liñas estruturais que favorecen os traballos de investigación nos campos sinalados, baixo esquemas baseados na dixitalización das Humanidades.
Dixitalización do coñecemento
Actualmente, a súa orientación de traballo que xira arredor da lingüística aplicada, a literatura medieval ou a identidade colectiva, entre outras, céntrase na dixitalización do coñecemento. Desta forma búscase facilitar o acceso en liña dos resultados acadados nas súas investigacións, co propósito de ofrecer recursos dixitais e ferramentas que permitan a súa difusión e reutilización. O obxectivo final é contribuír ao acceso igualitario do coñecemento de xeito que redunde nun beneficio común a prol do interese público.