Nova: A mostra ‘Vida Gallega. Unha viaxe ilustrada’ recupera a historia da revista galega de maior tirada, lonxevidade e influencia social do século XX
19/11/2024
A mostra ‘Vida Gallega. Unha viaxe ilustrada’ recupera a historia da revista galega de maior tirada, lonxevidade e influencia social do século XX
O percorrido inclúe artigos, fotografías e ilustracións de grandes intelectuais da época como Castelao, Risco, Dieste ou Lugrís
Anxo M. Lorenzo pon o foco sobre a importancia de conservar e recuperar publicacións históricas deste calibre para comprendernos como sociedade
A publicación sumou ao redor de 800 números, chegou a ter tiradas de 70.000 exemplares e máis de 400 correspondentes en Galicia e Latinoamérica, converténdose nunha ponte de encontro entre a Galicia territorial e a de ultramar
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición Vida Gallega. Unha viaxe ilustrada na Biblioteca de Galicia. Trátase dunha mostra que recompila a traxectoria da revista ilustrada Vida Gallega, a publicación de maior tirada, lonxevidade e influencia social da época que botou a andar en 1909 con xa 14.000 subscritores antes de lanzar o primeiro número e chegou a ter tiradas de 70.000 exemplares e a contar cunha rede de máis de 400 correspondentes entre Galicia e Latinoamérica.
No acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude subliñou “a importancia de recuperar publicacións históricas como esta para entender de onde vimos e, en consecuencia, comprendernos como sociedade”. Neste senso, acompañado pola directora da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, explicou que os catro piares da revista nos que se sustenta esta exposición, comisariada por Ángela García Núñez e Charo Alonso Cerdeiras, técnicas da Biblioteca de Galicia, son a fotografía, a ilustración, os artigos de todo tipo e unha publicidade do máis expresiva.
Vida Gallega foi unha revista de corte conservador, rexionalista e cun público maioritariamente de clase alta. O seu éxito estivo marcado polo gran peso que tivo entre os galegos da diáspora. Fundada en 1909 polo vigués Jaime Solà, estivo activa ata 1938, momento no que a Guerra Civil interrompeu a súa publicación, que se retomaría en 1954 continuando activa ata a primavera de 1963. Acolleu artigos, fotografías e ilustracións dos grandes intelectuais da época. De feito, a portada do primeiro número é obra de Castelao cando tan só tiña 22 anos. Así, a mostra conforma un paseo polos cambios sociais e culturais da Galicia do século XX.
Unha revista para entender a Galicia do século XX
Vida Gallega. Unha viaxe ilustrada amosa, a través de artigos, fotografías e ilustracións, os fitos máis relevantes da época e deixa entrever os debates políticos e culturais do momento. A publicación distribuíase en toda a Península, en territorios de ultramar (Montevideo, A Habana, Bos Aires, Nova York), así coma nos transatlánticos ancorados no Porto de Vigo e os seus lectores eran, na súa maioría, de clase acomodada.
Da emigración ao rol da muller
Ademais, a revista amosaba unha visión moi particular da emigración, que podemos ver reflectida nesta exposición. Grandes publireportaxes da industria galega na diáspora, así como narracións sobre a vida dos veciños e veciñas que tiveron que partir, sempre tinguidas dun ton nostálxico e de anhelo cara a terra.
O discurso expositivo tamén explora de xeito transversal o papel da muller na sociedade a través de artigos, fotografías e anuncios. Na primeira etapa de vida da publicación, pódense ver a mulleres participando activamente en distintas actividades: desde pianistas, pasando por equipos de deporte feminino e ata unha muller, Mercedes Corominas, que mostraba como funcionaba un globo aerostático.
Todos os números expostos pertencen á colección da Biblioteca de Galicia, que nos últimos meses se viu incrementada polas doazóns do particular Fernando Herce Meléndrez e da Biblioteca Pública de Sada. Como complemento das pezas físicas, a mostra conta coa interpretación gráfica que a ilustradora Rosa de Cabanas fixo desta publicación, que posúe múltiples lecturas e que se converteu nun referente para a investigación da sociedade galega.