Nova: López Campos resalta o “exemplo de coordinación a prol da cultura” do Festival Romaría Internacional
19/11/2024
López Campos resalta o “exemplo de coordinación a prol da cultura” do Festival Romaría Internacional
Destaca que o certame, celebrado entre 1980 e 2001, “encaixaría na actualidade coas bases nas que se sustenta a Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia”
Trátase dunha iniciativa froito da colaboración no seu momento entre varios municipios
Lembra, así, que a proposta “permitiu levar a moitos concellos actuacións que non terían chegado ao público, rompendo barreiras territoriais e sociais”
Santiago de Compostela, 19 de setembro 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou hoxe en Santiago o libro La permanente aventura en Galicia de la Romaría Internacional, escrito por Bernardo Valiño e editado pola Xunta, nun día, dixo, “moi propicio porque o festival do que se fala podería encaixar moi ben na actualidade coas bases nas que se sustenta a Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia que impulsamos desde o Goberno galego e que foi aprobada esta mañá no Parlamento”.
Referiuse así o representante do Executivo autonómico a unha norma que pretende garantir o acceso á cultura para todos e todas, eliminando as barreiras físicas, cognitivas, comunicativas, sociais ou territoriais. É sobre estes dous últimos puntos sobre os que López Campos fixo fincapé relacionándoos coa historia da Romaría Internacional que “durante dúas décadas permitiu levar a moitos concellos actuacións de agrupacións que sen esta iniciativa non terían chegado ao público galego”. De feito, tal e como lembrou, o certame organizou en pequenos municipios espectáculos como o do Teatro Bolshoi ou a Ópera de Pekín, un exemplo do diálogo internacional entre a cultura popular galega co resto do mundo que propiciou esta iniciativa.
A publicación recolle agora os fitos, anécdotas e as historias que rodearon o festival durante as súas 21 edicións, desde 1980 ata o 2001. Neste senso, o conselleiro de Cultura resaltou “o traballo de coordinación realizado durante anos por un padroado de concellos que conseguiron poñerse de acordo a favor da cultura e da sociedade, achegando a distintas zonas de Galicia grandes funcións internacionais, ademais de apostar por producións propias”. Neste senso, puntualizou, ”agora temos a oportunidade de coñecer desde dentro como foi ese camiño percorrido por un evento que chegou ser todo un referente nuns tempos nos que nin as infraestruturas nin as oportunidades eran as mesmas que hoxe”.
Por último, López Campos felicitou ás persoas que “fixeron posible a organización do festival durante tantos anos”, unha boa mostra, afirmou, “do que se pode acadar co traballo conxunto, como tamén veremos coa creación da Rede Adival de dinamización da cultura no rural, un instrumento que estamos a poñer en marcha para levar a cabo programacións coordinadas en moi diversos puntos de Galicia”.