Nova: López Campos erixe a Fundación Manuel Moldes como un activo dinamizador cultural para Pontevedra

20/11/2024

López Campos erixe a Fundación Manuel Moldes como un activo dinamizador cultural para Pontevedra

Salienta que esta institución se está consolidando como un “relevante punto de referencia” da programación da cidade  e da divulgación de creacións artísticas galegas

Pontevedra, 19 de novembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe a Fundación Manuel Moldes como un “activo dinamizador cultural” para Pontevedra. Fíxoo na súa participación, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na inauguración nesta institución da exposición 50 anos dende Tambor, que rende homenaxe a esta galería que foi referente cultural en Madrid a mediados dos anos 70 e abriu hai medio século coas obras do artista pontevedrés, con tan só 24 anos, e do bilbaíno Mikel Díez Alaba, que tiña 26.

O representante de Cultura do Goberno galego considerou que con esta nova exposición a Fundación Moldes demostra que xa se ten consolidado como “un relevante punto de referencia” na programación e actividade cultural da cidade e na promoción de creacións artísticas da nosa comunidade. Neste senso, lembrou que se trata dunha entidade que conta co apoio da Xunta “pola súa contribución á divulgación da nosa arte, conservando a obra de Manuel Moldes e tamén configurándose como un espazo expositivo para os nosos creadores, enriquecendo así a oferta cultural da cidade”.

Por estes motivos , celebrou a súa incorporación ao “amplo e diverso circuíto cultural” co que conta Galicia por todo o territorio e que, segundo avanzou, se verá “completado e mellorado” coa creación, antes de que remate o ano, da Rede Adival, “que dinamizará e espallará a programación cultural tamén polas zonas rurais”.

Exposición no aniversario de Manuel Moldes

A mostra 50 anos dende Tambor poderá verse ata finais de marzo e a súa apertura coincide coa celebración do que sería o 75 aniversario de Manuel Moldes, polo que tamén serve para lembralo e festexar esta efeméride.

A exposición recolle algunhas das pezas da exposición orixinal da galería Tambor e tamén avanza na evolución creativa de ambos artistas, Manuel Moldes e Mikel Díez Alaba, ao longo do tempo con obras de diferentes épocas, estilos e formatos. Deste xeito, recrea de xeito artístico o diálogo que mantiveron en tempos de xuventude o artista Pontevedra e o creador de Bilbo.

Comparte