Nova: A Xunta inclúe a técnica do esgrafiado no censo do patrimonio cultural de Galicia
20/11/2024
A Xunta inclúe a técnica do esgrafiado no censo do patrimonio cultural de Galicia
O Diario Oficial de Galicia publica a resolución pola que se anota esta manifestación de albanelería para a execución das decoracións sobre os morteiros de cal
A listaxe que xestiona a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xa conta con máis dun cento de bens e prácticas
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2024
A Xunta de Galicia inclúe a técnica do esgrafiado galego no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia, unha das medidas de salvagarda postas en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para garantir o legado deste tipo de manifestación do patrimonio cultural inmaterial.
Tal e como se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, esta técnica tradicional de albanelería que se emprega para a execución das decoracións sobre os morteiros de cal, queda recollida nesta recompilación patrimonial para a súa posta en valor e protección. Esta práctica de ornamentación cobra importancia dado a que se atopa en todo o territorio de Galicia, tendo maior presenza no sur e no leste da Comunidade, especialmente entre as provincias de Lugo e Ourense.
O esgrafiado ou esgrafito, ademais da súa complexidade como manifestación, pasa a formar parte deste Censo polo código de comunicación que presenta e que revela valores estéticos e sociais que forman parte da tradición e identidade galegas, estreitamente vinculados coa paisaxe e co medio no que se atopan.
Así, este tipo de revestimentos responden a diversas funcións como, a arquitectónica para reforzar muros e evitar humidades, a decorativa seguindo a moda do seu tempo; a simbólica, como protección en determinadas formas como cruces e símbolos astrais; de comunicación, para convidar ao camiñante no caso de xerras e vasos, ou a hixiénica, polas propiedades do cal.
Deste xeito, a Dirección de Patrimonio Cultural insire este tipo de manifestacións na listaxe que recolle os bens materiais e inmateriais dos que xa se suman máis dun cento polo seu valor histórico, arquitectónico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico.