Nova: A Xunta reúnese con axentes culturais en portas na súa rolda de contactos para informar da Rede Adival
20/11/2024
A Xunta reúnese con axentes culturais en portas na súa rolda de contactos para informar da Rede Adival
Trátase do cuarto encontro celebrado polo Goberno galego con distintas institucións, xestores ou asociacións por todo o territorio
Anxo M. Lorenzo destaca o obxectivo de “traballar conxuntamente a través desta ferramenta para acadar unha programación cultural sólida no rural galego”
A medida vai en consonancia coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, impulsada polo Executivo autonómico e aprobada onte no Parlamento
Portas (Pontevedra), 20 de novembro de 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, continuou hoxe en Portas a rolda de xuntanzas territoriais que, ao longo destas semanas, está a manter con xestores e industrias culturais, equipamentos museísticos, federacións, asociacións e fundacións, entre outras entidades, tanto para dar a coñecer de primeira man a Rede Adival de dinamización da cultura no rural de Galicia como para escoitar as propostas e suxestións dos axentes implicados.
Tal e como explicou o representante da Xunta, a iniciativa nace co obxectivo de “traballar conxuntamente, a través dunha ferramenta común, para acadar unha programación cultural no rural galego que sexa o máis estable e sólida posible, aproveitando mellor os recursos”. Deste xeito, sostivo, “con estas reunións tratamos de involucrar directamente aos entes de cada zona para que coñezan as vantaxes que lles aporta a pertenza a este circuíto e recompilar as súas observacións”.
A iniciativa, tal e como lembrou Anxo M. Lorenzo, vai en consonancia coa Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia, impulsada polo Executivo galego, e que foi aprobada onte no Parlamento co propósito, dixo, de que “o lugar de residencia, a idade, ou calquera outra cuestión, non sexan un condicionantes á hora de poder gozar da mellor oferta cultural”.
Con estas xuntanzas continúan os movementos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de cara a contar nos vindeiros meses co documento no que quede definido o organigrama da Rede Adival, concibida como unha asociación de carácter voluntario que aglutinará a entidades sen ánimo de lucro e que suporá, subliñou o responsable da área de Cultura da Xunta, un “a ampliación de oportunidades no que ten que ver coa actividade cultural para a poboación que vive fóra das áreas urbanas”.
Liñas de actuación
A posta en marcha da iniciativa persegue ampliar a oferta cultural en todo o territorio, ademais de favorecer a diversidade de propostas e o intercambio rural-urbano. Así, entre as súas liñas de actuación figura o deseño dunha programación cultural propia, na que se contemple a itinerancia de ciclos polas entidades adheridas.
Tamén quedarán estipuladas as subvencións ás que terán acceso os integrantes, así como un servizo de asesoramento e un plan de formación. A elaboración dun programa de mediación que axude aos participantes na Rede na composición das súas actividades, tendo en conta os seus recursos e públicos, é outra das vantaxes das que se beneficiarán.