Nova: A música e as artes escénicas de Galicia viaxan a máis de 20 países coas axudas da Xunta á distribución cultural

22/11/2024

A música e as artes escénicas de Galicia viaxan a máis de 20 países coas axudas da Xunta á distribución cultural

Adxudicáronse preto de 460.000 euros a 110 propostas de xiras, actuacións e participación en feiras sectoriais presentadas por 71 empresas

Os proxectos subvencionados suman preto de 600 funcións escénicas, concertos e accións promocionais tanto no estranxeiro como noutras 15 comunidades autónomas

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2024

A música e as artes escénicas galegas viaxaron a unha vintena de países nos últimos 12 meses co apoio económico da Xunta de Galicia, que lles achegou preto de 460.000 euros ás 71 empresas culturais subvencionadas este ano mediante a convocatoria para as actividades de distribución nas industrias culturais.

Este investimento destinouse a cofinanciar os gastos asumidos polas entidades adxudicatarias no desenvolvemento de xiras de espectáculos galegos por escenarios, feiras e festivais dentro e fóra de España, así como na súa asistencia a destacados mercados sectoriais. En concreto, contaron con axuda 110 iniciativas, que suman preto de 600 funcións escénicas, concertos e accións promocionais tanto no estranxeiro como noutras 15 comunidades autónomas, así como dentro de Galicia no caso das xiras escénicas.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convoca anualmente estas subvencións a través da Axencia Galega das Industrias Culturais co fin de impulsar a distribución e a comercialización exterior dos produtos culturais galegos, ao tempo que se facilita o acceso dos sectores da música e as artes escénicas galegas ao mercado mundial.

Destinos internacionais

Alemaña, Austria, Bélxica, Brasil, Colombia, Cuba, Ecuador, Estados Unidos, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Mauricio, México, Países Baixos, Portugal, Reino Unido, República Checa, República Dominicana e Suíza foron os destinos internacionais dos proxectos beneficiarios destas axudas, que se estenderon igualmente a actuacións artísticas en escenarios doutras 15 comunidades autónomas.

Así, entre as propostas apoiadas pola Xunta a través da convocatoria de 2024 atópanse a xira europea de Caamaño&Ameixeiras, as de Budiño e Festicultores Troupe en Portugal, a estadounidense de Faltriqueiras con Ariel Ninas, a participación de Baiuca no Ariano Folk Festival de Italia e de Sumrrá nos certames de jazz de Mauricio e Illa Reunión, os concertos de  celebración do 45º aniversario de Milladoiro ou as actuacións de Atrïo en Brasil e de Xurxo Fernandes en Suíza.

En canto ás artes escénicas, figuran nesa listaxe a xira mexicana de Teatro Ensalle, as actuacións de danza de Elahood en Portugal e de Javier Martín en Colombia ou as representacións de Píscore no Festival internacional de Teatro Clásico de Almagro e de Ibuprofeno Teatro en Ciudad Rodrigo, no marco da Feria de Teatro de Castilla y Léon.

Na modalidade escénica, apóiase tamén a distribución artística dentro da nosa Comunidade, exceptuando a programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. É o caso das xiras galegas de Producións Teatrais Excéntricas, Redrum, A Xanela do Maxín, Sarabela Teatro ou Teatro do Noroeste, entre outras compañías.

A Xunta de Galicia fomenta, así mesmo, a presenza de 19 empresas tanto en festivais como en feiras profesionais fóra de Galicia, como BIME Pro (Bilbao), Mercat de Música Viva de Vic, Fira Mediterrània de Manresa, Feria Internacional de la Música (FIMPRO) en México, Tanzmesse NRW en  Düsseldorf (Alemaña), Czech Music Crossroads en Ostrava (República Checa) e Womex en Manchester (Reino Unido).

Comparte