Nova: A Xunta colabora no patrocinio do concerto que ofrecerá este sábado Marwán no Círculo das Artes de Lugo

28/11/2024

A Xunta colabora no patrocinio do concerto que ofrecerá este sábado Marwán no Círculo das Artes de Lugo

Lugo, 28 de novembro de 2024

A Xunta de Galicia participa no patrocinio do ciclo Momentos Alhambra Acustiquísimos 2024, que se pechará o vindeiro sábado, día 30, co concerto de Marwán no Círculo das Artes de Lugo. Na presentación da cita participaron o delegado territorial, Javier Arias; o presidente da sociedade recreativa, Miguel Caraduje; Alberto Alfonso en representación de Artmusic, e Iago de la Iglesia, xestor comercial de Cervexas Alhambra.

O proxecto presenta música en acústico en espazos singulares e acompañada de propostas gastronómicas. Comezou a andaina o 16 de novembro con Carlos Sadness en Vigo, e nos últimos días actuaron tamén María José Llergo na Coruña e Muchachito Bombo Infierno en Santiago de Compostela.

Marwán chega a Lugo coas entradas esgotadas; é un referente da música de autor e está de xira co seu disco “20 Aniversario”, no que reinterpreta os temas do seu traballo “El viejo boxeador”. O apunte gastronómico chega da man das tapas do chef Rafa Centeno, do restaurante Vértigo.

Comparte